Galicia rexistra o mellor febreiro dende 2008 en afiliados á Seguridade Social

En toda España, o número de cotizantes rexistra o seu mellor febreiro desde 2015 ao gañar 85.735 persoas-

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2020 | Actualizada ás 11:56

Comparte esta noticia

A Seguridade Social pechou febreiro cunha subida media de 5.848 afiliados (+0,58%) en comparación co mes de xaneiro, ata situar o total de cotizantes 1.012.354 persoas. Este avance en Galicia, que rexistra o mellor febreiro desde 2008, é algo superior á media estatal (+0,4%).

Ademais, son 15.043 afiliados máis que o mesmo mes do 2019, o que supón un 1,5% máis, de acordo cos datos que publica este martes o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Este ritmo de avance en Galicia (+0,58%) é superior ao do conxunto estatal (+0,4%). A Seguridade Social pechou o mes cun ascenso medio de 87.735 cotizantes, o que implica o mellor febreiro desde 2015, cando gañou case 97.000 afiliados.

Por provincias, os mellores aumentos rexístranos Pontevedra, con 2.323 afiliados máis (+0,66%); e A Coruña, con 2.713 (+0,63%). En Lugo, a subida en febreiro foi de 454 cotizantes (+0,38%), mentres que en Ourense foi de 358 (+0,35%).

Na distribución por réximes, Galicia contabiliza 783.546 afiliados no xeneral (repartidos entre 752.244 do subtipo xeral, 5.486 do sector agrario e 25.815 do fogar). Mentres tanto, hai 208.095 autónomos e 20.713 no do mar.

DATOS ESTATAIS

No conxunto de toda España, a Seguridade Social pechou o mes de febreiro cun aumento medio de 85.735 afiliados (+0,4%), o seu maior repunte neste mes desde o exercicio 2015, cando gañou case 97.000 cotizantes, segundo datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións publicados este martes.

Desta forma, o total de ocupados situouse ao finalizar febreiro en 19.250.229 afiliados, o seu maior volume de afiliados nun mes de febreiro dentro da serie histórica. Sen o compoñente estacional, a afiliación á Seguridade Social subiu en febreiro en 56.157 persoas, a súa maior alza mensual desde outubro de 2018 na serie desestacionalizada.

En termos mensuais, o Réxime Xeral gañou en febreiro 78.010 ocupados (+0,5%), ata un total de 15.929.151 cotizantes, mentres que o de Autónomos sumou 6.777 afiliados (+0,2%), situándose o total de autónomos en 3.257.896 cotizantes. Pola súa banda, o Réxime do Mar gañou en febreiro 956 afiliados (+1,6%) e o do Carbón perdeu 7 ocupados (-0,6%).

No último ano, o sistema gañou 361.757 cotizantes (+1,9%), dos que 344.365 se inscribiron no Réxime Xeral (+2,2%) e 18.244 no Réxime de Autónomos (+0,5%).

Afiliación á Seguridade Social en Galicia, con datos actualizados a febreiro de 2020.. EPDATA
Afiliación á Seguridade Social en Galicia, con datos actualizados a febreiro de 2020.. EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta