Sindicatos censuran a "precariedade" e que o sector industrial "xa non é capaz de tirar do emprego" en Galicia

Mostráronse críticos cos datos do desemprego de febreiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2020 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

Sindicatos mostráronse críticos este martes cos datos do desemprego en Galicia, onde censuran a "precariedade" e, entre outras cuestións, lamentan que o sector industrial "xa non é capaz de tirar do emprego" en Galicia.

Traballadores do estaleiro Barreras
Traballadores do estaleiro Barreras | Fonte: © Miguel Núñez

A este extremo aludiu a CIG, que considera que as cifras publicadas nesta xornada evidencian "claramente" que o incremento do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) "non tivo incidencia" na evolución do emprego e que é a evolución da actividade económica e non os salarios, o que marca a creación de emprego, "contradicindo claramente as previsións catastrofistas dalgunhas institucións".

"A tendencia é a esperada para o mes de febreiro, que é un mes onde historicamente se produce unha leve redución do desemprego, e 2020 non é unha excepción", sinala, antes de incidir en que onde si se aprecia "certa inflexión" é na evolución sectorial.

Así, apunta que o descenso do desemprego afectou a todos os sectores produtivos, pero precisa que, se en anos anteriores era no sector industrial e no da construción nos que se reducía o paro en maior medida, no último febreiro "o sector servizos supera amplamente o industrial, un signo máis dos problemas que está a padecer a industria en Galicia".

Neste contexto, o secretario confederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle, defendeu que é "imprescindible" que se desenvolvaen Galicia "unha verdadeira política industrial", fronte á "obsesión do Goberno do PP por promover o sector servizos, onde máis precariedade hai, limitando as expectativas económicas do país a que haxa un bo Xacobeo".

Pola súa banda, UGT subliña que os datos de desemprego que se deron a coñecer este martes reflicten unha baixada do paro tanto a nivel estatal como en Galicia, pero tamén "evidencian que as melloras do emprego baseadas na precariedade non son melloras", porque "persiste a rotación na contratación, a temporalidade e o paro de longa duración".

Ás portas do 8M, o sindicato denunciou ademais que, do total do desemprego, o 57% do desemprego é feminino.

Nesta conxuntura, insistiu en que urxe "reverter a reforma laboral, unha política económica expansiva e reformar as políticas activas de emprego".

Baixo o seu punto de vista, tamén sería "moi positiva" a "pronta aprobación" duns Orzamentos Xerais do Estado que servisen a estes propósitos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta