A Xunta permite a execución sen autorización previa de obras menores xunto aos ríos

O Goberno galego publica o decreto coa nova norma, que entrará en vigor o próximo 23 de marzo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2020 | Actualizada ás 18:09

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia publicou este martes o decreto polo que se facilita a realización obras menores de conservación e mantemento na proximidade dos ríos galegos sen necesidade de autorización previa de Augas de Galicia. A norma entrará en vigor o próximo 23 de marzo.

Tramo do río Miño.
Tramo do río Miño.

Así, a nova normativa amplía o número de casos nos que se reducen os prazos para realizar obras menores nunha franxa de 100 metros dos ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, que abarca a totalidade da costa galega e a maior parte das provincias da Coruña e Pontevedra.

Neste sentido, as "actuacións de mantemento e conservación de infraestruturas xa existentes, sen alterar o seu volume, estrutura ou funcionalidade", segundo o decreto, poderán realizarse só cunha declaración responsable ante a Administración hidráulica da Xunta, sen esperar a autorización de Augas.

Desta forma, elimínanse os prazos de ata seis meses para a execución de traballos como "a sinalización de estradas, pintado, revestimento de fachadas, cambio de xanelas ou instalación de pastores eléctricos", tal e como explicou o Goberno galego.

Con esta nova regulación, estas actuacións únense ás de "retiradas de árbores mortas, podas e outros elementos que reduzan a capacidade do río ou contribúan á súa degradación" que xa podían realizarse coa presentación, unicamente, dunha declaración responsable.

Así mesmo, a norma introduce que os traballos menores no dominio público hidráulico poderán comezar o mesmo día da presentación da declaración responsable, suprimindo o actual prazo de 15 días.

Con esta medida, a Xunta estima que ata 500 solicitudes de autorización de obras das 1.200 que recibe ao ano Augas de Galicia poderanse resolver mediante declaración responsable.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta