Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2020 | Actualizada ás 13:27
O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou este mércores as actuacións do seu Executivo --no plano de infraestruturas e servizos públicos-- na capital galega. É a forma que ten o líder popular de utilizar a Xunta para enfrontarse co Goberno central ao que lembra que non deben "esquecer" o cumprimento de "compromisos" pendentes como a fin da autovía Santiago-Lugo ou o AVE.
"Hoxe temos unha cidade que, a pesar da profunda recesión que viviu Galicia e que aínda non superamos na súa totalidade, é unha cidade máis moderna e preparada, unha cidade na que o Goberno central non pode esquecerse dos seus compromisos, que están pactados, como acabar a autovía con Lugo ou a ligazón orbital, que estaban comprometidos para o ano 2021 e ninguén pode dicir cando se van a acabar", remarcou.
Feijóo tamén situou no paquete de compromisos que non debe "esquecer" o Executivo que dirixe o socialista Pedro Sánchez a chegada do AVE, chamado a "cambiar a conectividade de Santiago co resto de España". Na súa intervención non houbo referencias ás acusacións do ministro de Transportes, José Luís Ábalos, quen afirmou que o líder popular "suxeriu" rebaixar a seguridade do AVE a Galicia para acelerar a chegada da alta velocidade, extremo que a Xunta desmentiu.
Nun almorzo organizado polo partido en plena precampaña no que participaron, segundo a organización, unhas 650 persoas, Feijóo arrincou a súa intervención pondo o foco na "poliédrica" cidade de Santiago coa proclama de que non ía pedir " o voto" aos asistentes ao acto, senón que quería "render contas" do feito.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.