O Supremo confirma un caso de enchufismo na Escola de Restauración ao colocar a cuñada de López Abella

A CIG pide a dimisión da conselleira de Educación, Carmen Pomar, que asegura que "o fallo está acatado desde 2018".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2020 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo recoñeceu un caso de nepotismo na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, con sede en Pontevedra, polo que o sindicato CIG-Ensino solicitou a dimisión da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, por conivencia con "este escandaloso caso de enchufe".

Os feitos remóntanse ao ano 2016 cando a Consellería de Educación creou unha praza para unha docente que tiña o seu posto de traballo en Avilés, no Principado de Asturias, e que non podía obter destino en Galicia porque non existía un posto da súa especialidade nos centros educativos, ao non ser necesaria.

A beneficiaria deste posto era Beatriz Seco González, actual directora do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) e cuñada de Susana López Abella, exsecretaria xeral de Igualdade da Xunta e integrante da candidatura do Partido Popular ás eleccións autonómicas pola provincia de Lugo.

A decisión da Xunta xerou protestas entre o alumnado e o profesorado do centro pontevedrés e a CIG-Ensino promoveu as accións legais para evitar este caso de "enchufismo". A providencia do Supremo foi dado a coñecer este mércores, nunha rolda de prensa, polo secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, e o secretario comarcal deste sindicato, Xacobe Rodríguez.

O fallo, con data do 24 de febreiro e contra o que non cabe ningún recurso máis, inadmite a trámite o recurso de casación presentado pola Xunta contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que recoñecía un caso de "desviación de poder" da administración na convocatoria, oferta e adxudicación desta praza dunha especialidade inexistente na Escola de Conservación.

A sentenza ditada polo TSXG en outubro do 2018, e que a Xunta recorreu sen éxito ante o Supremo, conclúe que neste caso houbo "unha torcida actuación da Administración tendente a alcanzar unha finalidade contraria ao ordenamento xurídico e "con manifesto ocultismo".

"Non achegou razón ningunha que xustifique a convocatoria, oferta e adxudicación da praza controvertida, cando tal especialidade non existe nesta comunidade autónoma, non resulta necesaria a súa impartición e a adxudicación supón a incorporación dunha nova profesora en detrimento da calidade da docencia e do funcionamento interno dos departamentos".

"TORCIDA INTENCIONALIDADE"

A sentenza sinala que hai outros feitos que "resultan esclarecedores da torcida intencionalidade da referida conduta", como a "relación parental entre a adxudicataria da praza e a Sra. López Abella, Directora Xeral de Igualdade da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza".

Beatriz Seco xa fora excluída, por incorporala de maneira irregular, da listaxe de persoal temporal da Consellería de Educación na especialidade de Conservación e Restauración e o fallo conclúe definindo o caso como unha "evidente mostra de nepotismo".

Ante esta situación, a CIG-Ensino pediu a dimisión de Carmen Pomar pola defensa que fixo no Parlamento Galego da creación e adxudicación desta praza, que se remonta á etapa en que Román Rodríguez estaba á fronte desta Consellería. Tamén consideran que a cuñada de Susana López Abella debería cesar no seu cargo de directora do Mupega, porque esta institución se ve afectada por toda esta situación irregular.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. XUNTA - Arquivo
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

CARMEN POMAR

A conselleira de Educación, Universidades e Formación Profesional, Carmen Pomar, quixo resolver este mércores a polémica e asegurou que "o fallo está acatado desde 2018".

En declaracións aos medios antes de participar nun acto con motivo do 8M en Vigo, e despois de que a CIG dese a coñecer a resolución do Supremo e pedise a súa dimisión, a conselleira lembrou que ese caso (denunciado polo sindicato) "é algo que vén de 2016 e desde 2018 está acatado o fallo".

No entanto, e a pesar desa primeira resolución do alto tribunal galego, a Consellería de Educación presentou recurso de casación (que agora ha inadmitido o Supremo). Pomar xustificou este mércores esa decisión, porque "foi un dereito que tiña" o seu departamento, aínda que insistiu en que o fallo está "acatado desde 2018". "E non hai máis nada que engadir", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Milucho

Marca Galicia Galicia Galicia... En Chantada xa dera mostras das súas habilidades ata o punto de romper o pp na vila. E vai nas listas electorais (nas "listas" de máis). Unha corrupta. E o alcalde no senado sen condear ás víctimas do franquismo...