As mortes no mar... Unha análise da falta de investimento en seguridade laboral

A seguridade laboral en embarcacións de pesca ten evolucionado en positivo durante os últimos anos. Aínda así, as cifras de mortos en naufraxios durante a actividade pesqueira subiu fronte aos accidentes comúns. O sorprendente é que haxa voces denunciando a falta de investimento en seguridade laboral por ser considerado un investimento que pode influír na sobrepesca dos caladoiros.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 06/03/2020 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

A Organización Internacional do Traballo (OIT) considera a pesca como un dos traballos máis perigosos. A Unión Europea tamén sinalaba esta actividade laboral como das que ofrecían maiores probabilidades de accidente laboral. As políticas de seguridade laboral abordo, o incentivo de programas destinados á formación das tripulacións para afrontar situacións de risco, conseguiron diminuir o índice de accidentes laborais “comúns”. Non obstante, os accidentes con resultado de morte, segundo fontes sindicais, aumentaron nos últimos tempos. As causas son numerosas, mais voces sindicais apuntan o escaso ou nulo investimento en seguridade desde a UE para mellorar as condicións a bordo.

Pesca de altura.
Pesca de altura.

UN MAR DE NORMATIVAS

En total, Galicia conta con case 21.000 persoas traballando no sector pesqueiro, tanto por conta allea como por conta propia. É un dos sectores económicos con maior peso na economía do país. Pola contra, o seu peso económico non explica a mortandade en accidentes laborais no mar. Os investimentos en seguridade laboral, segundo as fontes consultadas para esta reportaxe, son asequibles, ás veces máis que materiais de pesca. Entón, que sucede no sector?

“O máis necesario é harmonizar as diferentes lexislacións en materia pesqueira, porque existen os acordos internacionais, os acordos dentro da UE, as lexislacións nacionais e logo as autonómicas” di Juan Manuel Trujillo de CCOO. Existe pois, un labirinto de regulamentos, leis, acordos e tratados que, segundo Trujillo, estarían impedindo un desenvolvemento óptimo das políticas de seguridade laboral no mar. “Todos os tratados son ratificados maioritariamente polos estados deixando un sector como é a pesca, que crea máis emprego e ten máis empresas”.

Este cúmulo lexislativo é unha pirámide que logo vai trascendendo á realidade da xente, empresa e traballadores. De aí que se sinta a necesidade de inserilas no diálogo social. Isto só se podería arranxar cando se poñan a un mesmo nivel a “persoas e elementos como a sustentabilidade ambiental por exemplo” sinala Trujillo.

A precarización laboral dentro da pesca tamén é un factor que pon en risco as tripulacións. Dita precarización, segundo Manuel Caamaño, da CUT, está ligada a factores como o sobreesforzo laboral. “Dentro dunha dinámica capitalista, logo dun paro biolóxico dun mes por exemplo, os armadores queren recuperar o que non gañaron, por iso aumentan os tempos de traballo”. Desta maneira o cansanzo debido á falta de descansos fai aumentar o risco de accidente.

Por outra parte, a UE dispón do Fondo Europeo Marítimo y de Pesca, un dos fondos estruturais da Unión para fomentar o desenvolvemento a partir do emprego. Segundo o voceiro de pesca de CCOO, estes fondos van dirixidos a políticas pesqueiras, mais obvian o tema de seguridade laboral. O motivo está en que “investir en seguridade está considerado como mellora tecnolóxica”, esta razón baséase no medo das autoridades europeas á sobrepesca. Calquera incentivo ou mellora técnica sería sospeitosa de favorecer o esquilmo dos bancos pesqueiros.

O ESTADO DO SECTOR ACTUALMENTE

Hai un consenso entre a maioría de forzas sindicais de que as condicións melloraron notablemente durante as últimas décadas. Aínda así, resúltalles cando menos chocante que non exista un interese máis elevado por parte das autoridades en seguridade laboral. Así as inspeccións para o control de cotas para frota galega son rigorosas, todo o contrario para as inspeccións de seguridade nos barcos segundo as forzas sindicais.

“Existen medios mesmo para controlar os barcos que veñen da NAFO para que non sobrepasen a cota, e non existe a obriga para que haxa traxes de salvamento abordo” sinala Xabier Aboi da CIG-Mar. “Existen medidas como a instalación de botiquíns, aparellos especiais etc, mais un traxe ou un sistema individual de salvamento non está contemplado”. Moitos destes traxes levan sistemas de localización que facilitarían aos servizos de salvamento o rescate da persoa que cae ao mar.

“Certo que as cousas melloraron con respecto a hai anos” di Manuel Caamaño, quen ve unha cultura do traballo na pesca ligada á simple busca de beneficio. “Existen investimentos en máquinas para elevar aparellos, mais non existen tantos en compra de traxes, cascos ou en mellorar a hixiene e atención sanitaria abordo”.

En canto ao estado da frota, Juan Manuel Trujillo di que “a media de idade das embarcacións na UE é de 30 anos, en España anda sobre os 35 e Galicia ten unha media de idade de corenta anos para os seus barcos”. O mantemento dunha frota así constitúe unha emisión de cartos por parte de armadores, que autofinancian as modificacións nos barcos, cousa que pode prexudicar seriamente á nave.

Houbo casos en que se modificaron as estruturas dos barcos, alterando o que chaman cálculo de buque” di Manuel Caamaño. “Houbo un caso en que un barco levara un golpe de mar e afundira porque a auga entrara por unha escotilla que non debera estar alí”. Finalmente sóubose que se fixera a posteriori esa escotilla para facilitar manobras, mais puxo en risco o barco e a tripulación.

As fontes consultadas coinciden na “indiferencia” das autoridades galegas en materia de seguridade laboral. Desde o sector piden maiores recursos, exercicios de salvamento para ter a tripulación preparada, ademais da necesidade de unificar lexislacións e maiores accións represivas contra a precariedade.

Desde Galicia Confidencial puxémonos en contacto coas consellerías de Mar e Economía e Emprego, por teren competencias na materia. Ata o momento non houbo resposta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Dúas cousas. A modificación na estructura dos barcos vén da man de constructores que sacan tallada con modelos de embarcacións de fibra de vidro que non soportan un temporal. E segunda cuestión, por máis que se invista en seguridade abordo se os patróns por conta propia meten os barcos nas pedras ou saen a faenar con altertas de temporal será moi complicado garantir seguridade algunha ! Os dous últimos afogados en Baiona serían un bo exemplo de temeridade continuada no mar... Parece que os cartos están máis valorados ca vida da xente (?)