As universidades, sen peticións de retorno a Galicia, e a USC constitúe un Comité de Seguimento

As institucións académicas instan ás súas 'Erasmus' a seguir as recomendacións sanitarias e chaman á calma.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2020 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

O Goberno italiano ordenou o peche de colexios, institutos e universidades do país ata o próximo 15 de marzo. Con todo, os 'Erasmus' presentes no territorio non solicitaron, de momento, o seu regreso a Galicia con motivo da alerta sanitaria provocada polo 'Coronavirus', ou o COVID-19.

O Goberno central xa avanzou que todos os estudantes que participen no programa europeo de mobilidade poderán regresar a casa sen custo ningún. Fontes das tres universidades galegas trasladaron a Europa Press que existe total tranquilidade entre o alumnado desprazado e que manteñen o contacto permanente para solucionar as posibles dúbidas sobre como afrontar a situación de alerta.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) está a recibir diversas solicitudes de información por parte de estudantes pero non ten constancia de que ninguén regresase ou solicitase o retorno a Galicia.

Así mesmo, co obxectivo de manter a coordinación permanente coas autoridades educativas e sanitarias, a institución académica constituíu un Comité de Seguimento específico para esta crise internacional, presidido polo reitor, Antonio López e que se reunirá este mesmo venres.

Este organismo xestionará unha liña de comunicación permanente coas diversas autoridades e así actuar e tomar decisións "do modo máis eficaz e seguro posible". O grupo está composto por responsables do Servizo de Vixilancia da Saúde, da Facultade de Medicina e do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicamento.

A universidade insistiu en facer un chamamento á calma, a "evitar unha alarma innecesaria", e a confiar nas medidas emprendidas polos diferentes territorios para controlar a epidemia e minimizar os seus efectos.

CONTACTO "PERMANENTE"

A situación é similar no caso do alumnado das súas homólogas da Coruña e Vigo. A UDC asegurou que mantén un "contacto permanente" coa comunidade académica e está pendente deles.

A universidade conta con alumnos en Italia e Corea do Sur. Como resposta ao aumento de casos no Norte de Italia, recomendaron aos alumnos comunicarse por vía correo electrónico e frecuentar o menos posible lugares comúns e moitos deles están nos seus domicilios realizando clases 'en liña'.

No caso de Corea do Sur, as universidades atrasaron as clases ata o 16 de marzo e os estudantes que se atopan alí están a recibir o apoio tanto das institucións académicas de destino como da Oficina de Relacións Internacionais da UDC.

A Universidade de Vigo, pola súa banda, comunicouse vía e-mail a través da Oficina de Relacións Internacionais cos alumnos presentes en Italia, principal país de destino, cuns 125 estudantes.

A institución pide aos estudantes que sigan as instrucións das autoridades e as medidas de prevención recomendadas, como lavar as mans con frecuencia ou tapar a boca ao esbirrar, entre outras, ademais de transmitir tranquilidade e chamar á calma, posto que nos casos máis graves afecta a persoas de avanzada idade con problemas respiratorios.

Estudante Erasmus.. JCCM
Estudante Erasmus.. JCCM | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta