As mortes do Deza poñen en dúbida o sistema de distribución de ambulancias da Xunta no rural

"O noso compromiso é ter dúas ambulancias", insiste Feijóo tras a morte en Lalín dunha segunda persoa en cinco meses pola tardanza na chegada dunha ambulancia. Veciños e oposición critican que a nova ambulancia só é de "apoio" e non de soporte vital avanzado. O persoal da básica depende de empresas subcontratadas, a medicalizada, do Sergas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/03/2020 | Actualizada ás 22:40

Comparte esta noticia

"O noso compromiso é ter dúas ambulancias en Lalín e xa miraremos ese compromiso coa Consellería de Sanidade porque o compromiso era ter dúas ambulancias", así de rotundo se manifestou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre a falta de ambulancias na comarca do Deza e, especialmente, en Lalín, onde este luns morreu unha persoa mentres agardaba por un destes vehículos.

Persoal sanitario de Ambulancias atenden un ferido tras o accidente entre un coche e un quad
Persoal sanitario de Ambulancias atenden un ferido tras o accidente entre un coche e un quad | Fonte: clm24.com

 

"O contrato que asinamos coa concesionaria son dúas ambulancias en Lalín. Se quere ver se é ambulancia medicalizada ou con soporte vital básico, iso non me meto, pero o contrato asinado son dúas ambulancias en Lalín agás que Sanidade non informara adecuadamente", dixo Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta tras insistir Galicia Confidencial en que a zona non conta cunha ambulancia de soporte vital avanzado.

 

Precisamente, no último concurso da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 o goberno galego volveu deixar fóra a Deza dun reforzo de medios e finalmente, en decembro pasado, chegou á base de Lalín unha unidade de apoio. Unha unidade de apoio que non foi o que Feijóo prometera en sede parlamentaria, xa que este vehículo só conta cun técnico sen apenas medios sanitarios e que só está operativo de luns a venres de 9.30 a 20.30 horas.

 

AMBULANCIA DE "APOIO"

 

A importancia das afirmacións de Feijóo está na categoría das ambulancias e nos servizos que presta. Non é o mesmo unha ambulancia de soporte vital básico que outra de soporte vital avanzado. A primeira só conta cun técnico, a segunda cun técnico, un enfermeiro e un médico. Os técnicos están contratados por empresas subcontratadas, os enfermeiros e médicos dependen directamente do Sergas.

 

Precisamente, desde a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirman que a segunda unidade prometida por Feijóo para Lalín é de "apoio", ademais da que xa contan de soporte vital básico desde o ano 1998. 

 

Ademais, indica que a Rede de transporte sanitario urxente de Galicia conta, desde o ano 2000, na comarca do Deza con outra ambulancia asistencial de soporte vital básico con base no concello de Silleda que, "no caso de considerarse axeitado, é mobilizada polo persoal médico da Central de Coordinación a outros concellos como Lalín que teñen asignados como zona de cobertura".

 

DIFERENCIAS ENTRE AMBULANCIAS

 

O principal problema é que estas ambulancias son de de soporte vital básico, tanto a de Lalín como a de Silleda,e non contan cun médico e un enfermeiro, senón só cun técnico, para afrontar situacións complicadas como as acontecidas en Lalín esta semana ou Dozón en outubro pasado. Por iso, os veciños e os grupos da oposición critican que a Xunta non está a cumplir as súas promesas.

 

O propio rexedor de Lalín acusaba aos grupos da oposición de tensionzar á veciñanza porque "as ambulancias medicalizadas só están en núcleos urbanos importantes", é dicir, no entorno metropolitano das sete grandes cidades galegas. Con todo, non sempre é así. Na localidade lucense de Foz hai unha medicalizada desde hai tempo e a Xunta, no concurso de maio do ano pasado, dotou a Vilagarcía e a Monforte de Lemos doutras medicalizadas con servizo 24 horas. Estas unidades están dotadas cun médico, un enfermeiro e un técnico, mentres que as básicas só contan cun técnico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta