Traballadores da antiga Alcoa na Coruña: "Estamos agonizando"

Concentración ante a Delegación do Goberno para que "atenda as alegacións ao estatuto electrointensivo".

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 06/03/2020 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

Máis dun cento de traballadores da metalúrxica Alu Ibérica na Coruña, a antiga Alcoa, concentráronse este mediodía na Coruña para reclamar ao Goberno que atenda a súa demanda de "prezos de electricidade competitivos" no estatuto electrointensivo porque "estamos agonizando".

Protesta de traballadores da metalúrxica Alu Ibérica
Protesta de traballadores da metalúrxica Alu Ibérica | Fonte: EFE.

"A necesidade é grandísima e o Goberno ten que poñernos ao mesmo nivel de competitividade que os nosos compañeiros de Alemaña, Francia ou Suecia, non pedimos nada a maiores, senón os mesmos mecanismos", abunda o presidente do comité de empresa, Juan Carlos Corbacho.

O comité de empresa convocou este mediodía unha concentración ante a Delegación do Goberno para que "atenda as alegacións ao estatuto electrointensivo".

Mentres se sucedían os cánticos de "Enerxía solución" ou "Queremos traballar e non emigrar", Corbacho compartiu a súa "preocupación" e a dos traballadores de Alu Ibérica, con plantas na Coruña e Avilés (Asturias), que hoxe expresou ao Goberno central a súa "profunda decepción e seria preocupación" polo borrador de estatuto para a industria electrointensiva.

Con 328 traballadores na Coruña e 286 en Avilés, lembra que fixo "unha aposta decidida polo futuro de dous proxectos empresariais claves para a economía de Galicia e Asturias", cun plan de investimento de 20 millóns de euros, pero que agora se sente "defraudada ante a incerteza dun compromiso que non termina de afianzarse".

A compañía, que o mes pasado advertiu de que as medidas previstas no borrador de estatuto facían "imposible" producir aluminio primario en España, considerou que este estatuto non establece "medidas que realmente acaben co diferencial de custos eléctricos e permitan competir en igualdade cos produtores de Alemaña, Francia ou Suecia".

As mesmas reivindicacións que este mediodía fixeron os traballadores da planta coruñesa, que din ter a "sensación de que o Executivo non entendeu nada, é a realidade que vemos no proxecto de estatuto que ten unhas carencias tremendas".

"Quédasenos a cara de idiota cando ves este borrador", salientou Corbacho, que confesou ter un "cabreo tremendo".

En todo caso, o presidente do comité descartou que o fondo suízo Parter, que se fixo con ambas as plantas de Alcoa o pasado verán co compromiso de manter o emprego e a actividade polo menos durante dous anos, se desenganche do acordo se este borrador non recolle as súas reclamacións "porque ten un acordo escrito e ten que cumprilo".

"Nós imos ser moi esixentes con Parter, que está a tentar facer un proxecto para a nosa planta que ten un longo percorrido", abundou.

Con todo, lembrou a necesidade dese aluminio primario e aínda que asegurou que están a producir na Coruña cunha base importante de aluminio secundario, o primario hai que compralo fóra

Por iso, non entende que "tendo a posibilidade de producir aluminio en Galicia, sendo unha potencia e un material de futuro, non se apoie polo Goberno despois de tantas promesas".

Pouco antes desta concentración, a CIG, UXT e CCOO, que convocaron unha concentración ante a Delegación do Goberno o 11 de marzo co lema "Enerxía solución", compareceron para acordar as reivindicacións que trasladarán ao Goberno e á Xunta ante "a falta de solucións efectivas para a industria  electrointensiva".

Os tres sindicados fixeron un chamamento conxunto ás empresas do sector para que "non precipiten a toma de decisións que afecten o emprego e á actividade produtiva, tentando cargar sobre os traballadores e as traballadoras as consecuencias desta falta de medidas".

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, defendeu este venres que este borrador de estatuto é o "mellor" que se presentou "na historia de España" e que se están estudando as alegacións.

"Veñen ao lugar onde se lles escoitou e dáselles resposta", sostivo sobre a concentración, e asegurou que o Goberno de España foi "resolutivo" coa situación de Alcoa xa que "tomou decisións que permitiron que sigan os postos de traballo e a actividade"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta