Monforte homenaxea a Consuelo Alonso, única muller fusilada oficialmente na provincia de Lugo polo franquismo

O Concello lembrará a súa veciña cunha placa na rúa na que vivía

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2020 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

O Concello de Monforte de Lemos rendeu homenaxe este sábado a Consuelo Alonso, a única muller fusilada oficialmente polo réxime franquista na provincia de Lugo. Así o sinalou o alcalde da cidade, José Tomé, nun acto emotivo no que estiveron presentes varios familiares de Consuelo, así como a investigadora que estudou a súa figura, María Jesús Souto Blanco.

O alcalde de Monforte, José Tomé, entrégalle un ramo de flores á doutora da USC que investigou a historia de Consuelo Alonso, María Jesús Souto Blanco, nun acto de homenaxe á muller represaliada
O alcalde de Monforte, José Tomé, entrégalle un ramo de flores á doutora da USC que investigou a historia de Consuelo Alonso, María Jesús Souto Blanco, nun acto de homenaxe á muller represaliada | Fonte: Concello de Monforte.

Ademais, o edil manifestou a necesidade de que os monfortinos saiban que unha veciña da súa cidade foi executada por defender as súas ideas durante a Guerra Civil, no ano 1938.

Consuelo foi represaliada no inicio da sublevación militar pola Falanxe, que a detivo, castigou e rapou o pelo. En 1937 ingresou na prisión de Monforte e o 9 de febreiro de 1938 trasladárona a Lugo para ser xulgada en consello de guerra.

Tras iso, ingresou no cárcere provincial ata o 13 de maio dese mesmo ano, día no que foi fusilada. Tiña 40 anos e catro fillos.

"Non podemos nin debemos esquecer o que supuxo a ditadura franquista neste país. Non pode ser que unha persoa que deu a súa vida pola liberdade e democracia sexa esquecida", engadiu o rexedor.

Por iso, anunciou que o Concello colocará unha placa conmemorativa na rúa Abelardo Baanante, onde residía Consuelo, cun texto para que o seu recordo "permaneza vivo" na cidade.

O consistorio fixo coincidir a homenaxe coa véspera do Día Internacional da Muller de forma que o recoñecemento a Consuelo, muller que morreu por alzar a voz nunha época na que se pagaba moi caro, tivese "maior importancia se cabe".

No acto, o alcalde obsequiou os familiares cunha Torre da Homenaxe da cidade e fixo entrega dun ramo de flores á doutora Souto Blanco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta