'O que arde' vence nos Mestre Mateo con seis premios

Entre eles recibiu o de Mellor Longametraxe e Mellor Dirección para Oliver Laxe. A segunda triunfadora da noite foi a serie 'Hierro', con catro galardóns.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 08/03/2020 | Actualizada ás 10:29

Comparte esta noticia

A película "O que arde" foi a gran triunfadora na noite dos XVIII Premios Mestre Mateo do audiovisual galego ao gañar seis galardóns dos doce aos que optaba, entre os que recibiu o recoñecemento á mellor longametraxe e á mellor dirección para Óliver Laxe.

Galardoados nos XVIII Premios Mestre Mateo
Galardoados nos XVIII Premios Mestre Mateo | Fonte: Academia Galega do Audiovisual.

'O que arde', producida por Miramemira, 4A4, Kowalski Films e Tarántula, foi a máis recoñecida nunha gala celebrada no coruñés Palacio da Ópera, onde o seu director, Óliver Laxe, evocou o bo clima da rodaxe agradecendo aos produtores e aos actores "esta aventura": "Crecemos tanto facendo isto!", exclamou.

Para esta cinta que reflexiona sobre os incendios forestais súmanse os galardóns de mellor dirección de arte de Samuel Lema e  Curru  Garabal, dirección de fotografía de Mauro  Herce, montaxe de Cristóbal Fernández, e son de David Machado, Amanda  Villavieja, Sergio Silva e Xavi Souto.

A segunda triunfadora da noite foi a serie 'Hierro', de Portocabo, Movistar +, Arte France e Atlantique Productions, con catro galardóns, o de mellor serie de televisión, mellor dirección de produción para Ana Míguez, mellor guión para Pepe Coira, Fran Araújo, Araceli Gonda, Coral Cruz e Carlos Portela, e mellor música orixinal para as composicións de Elba Fernández e  Xavi Font.

Organizados pola Academia Galega do Audiovisual, os Mestre Mateo, que cumpren a maioría de idade recoñecendo o traballo de profesionais do sector, celebraron unha cerimonia marcada por discursos en defensa da igualdade e amenizada con actuacións de acróbatas e bailaríns.

As mellores interpretacións protagonistas, tanto feminina como masculina, foron para os principais actores da película 'Eroski-Paraíso', Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, que non puideron acudir á gala pero entraron en vídeo desde Madrid para agradecer con humor os galardóns.

A cinta de Paco Plaza, 'Quen a  ferro mata', que optaba a quince candidaturas, fíxose con tres premios, o de mellor actor de repartp para o lembrado Xan Cejudo, o de mellor actriz de reparto para María Vázquez e a mellor maquillaxe e barbería para Susana Veira e Beatriz Antelo.

O Premio de Honra "Fernando Rey" recaeu no proxectista do CGAI- Filmoteca de Galicia, José María Rodríguez Armada "Chema", que enxalzou "un traballo que parece que non se ve, pero aí está", e o Premio especial "José  Sellier" levouno "Festival de cinema escolar  Olloboi".

Os demais premios Mestre Mateo recaeron no documental "Manoliño Nguema"; o programa de televisión "Segredos. Desmontando Galicia"; a serie web de RTVE e Cósmica Producións "Antes de perder"; o videoclip de Xaime Miranda "Esquimales" (Herdeiros da Crus); a curtametraxe de imaxe real "16 de diciembre"; a curtametraxe de animación "Homomaquia" ou no anuncio "Santiago, Cidade de Cinema".

Ademais, Lucía Regueiro conseguiu o premio á mellor comunicadora de televisión por "Bamboleo"; Marcos Barrios, gañou o recoñecemento á súa realización en "Segredos. Desmontando Galicia" e María Fandiño logrou o galardón de vestiario por "Lobos e  Cordeiros".

Para dar unha calorosa benvida ao público, a presentadora da gala, Patricia Vázquez, comezou cantando un orixinal tema dedicado á maioría de idade que cumpren este 2020 os galardóns, acompañada da Orquestra Gaos e un coro de nenos, xunto a un elenco de habilidosas bailarinas.

A presidenta da Academia  Galega  do Audiovisual, Ana Míguez, reivindicou o traballo de todos os profesionais que forman un sector no que prima a "incerteza" e reclamou "igualdade" na véspera do Día Internacional da Muller ao sinalar que "hai que educar".

"Temos que buscar novos formatos para levar as nosas historias máis aló" porque "este sector poida que non salve vidas, pero pode cambialas", subliñou Míguez, quen celebrou que o audiovisual galego viaxe polo mundo grazas ás novas plataformas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Sinceiramente O que arde non merece tanto como se lle está a dar...! Será que exportamos silencio, illamento, complexos problemas de convivencia... será que somos así? Ou esta cinta non é máis cunha perspectiva moi particular arredor do mundo rural...? Para gustos cadaquen ten os seus...