PP, PSdeG e BNG perden medio millón de votos

Os partidos que tiñan representación no Parlamento de Galicia perden 491.633 votos respecto ás eleccións do 2009. O PP perde 10.000 apoios máis que o BNG. AGE supera os 200.000 votos e as demais forzas que non obtiveron escanos suman 110.000.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 22/10/2012 | Actualizada ás 01:46

Comparte esta noticia

A cuestionada fórmula electoral do sistema D'Hondt ten unha parte perversa que é a de non deixar ver con claridade a verdadeira resposta dos cidadáns ás propostas dos partidos políticos. Ao final, todo semella quedar reducido a número de escanos ocupados e porcentaxe acada por cada forza sobre o total de votos emitidos. Porén, pouco ou nada semellan importar os datos totais e reais da verdadeira mensaxe que envían os electores aos políticos cando son chamados a votar. Un bo exemplo disto foron as eleccións celebradas este domingo en Galicia.

Unha das mesas electorais
Unha das mesas electorais

Ao final, a participación mantívose nunha porcentaxe que entra dentro dos parámetros normais dunhas eleccións no noso país: o  63,8%, só 6 décimas menos que no ano 2009. Con todo, a perda de confianza dos cidadáns galegos nos partidos até agora maioritarios e con representación no Parlamento de Galicia é máis que notábel. Entre o PP, o PSdeG e o BNG perderon case medio millón de votos respecto aos comicios anteriores.

Co 100% dos votos escrutados, o PP perdeu uns 135.000 votos, o PSdeG uns 230.000 e o BNG uns 125.000.

Pola súa banda, AGE, a formación que irrompe con forza no Parlamento galego, chegou aos 200.000 votos.

Estes datos indican unha evidente desafección dun amplo espectro do electorado polos até o de agora partidos maioritarios en Galicia. Os 491.633 votos que perderon PP, PSdeG e BNG xuntos representan nada menos que o 33% do total de votos emitidos e o 21% do censo electoral. 

Atomización do voto

O voto en Galicia atomízase cada vez máis. Nestas eleccións, até 22 partidos políticos conseguiron votos, amáis de PP, PSdeG, AGE e BNG. Estas forzas que non conseguiron representación no Parlamento sumaron arredor de 110.000 votos, que unidos aos 200.000 acadados por AGE suman 310.000 apoios a alternativas que non foran as maioritarias. A estes votos habería que sumar as 37.472 papeletas nulas máis os 38.410 votos en branco emitidos onte, co que estamos a falar de máis de 385.000 votos non dirixidos a forzas que xa tiñan representación parlamentaria.

Se a estes lles sumamos os 832.678 galegos que se abstiveron de votar nestes comicios, estamos a falar de máis de 1.200.000 persoas que non confían nos partidos que até onte exercían a representación do pobo no Parlamento de Galicia, máis dos que sumaron onte PP, PSdeG e BNG xuntos (1.092.994 votos fronte aos 1.584.627 no ano 2009).

O voto emigrante moi pouco fará variar estes datos, xa que só 23.422 galegos expatriados e os seus descendentes nacionalizados solicitaron tomar parte nestes comicios.

Con estes datos sobre a mesa, cómpre abrir unha reflexión sobre a verdadeira realidade política galega, que pouco se parece á que nos presenta o sistema D'Hondt e as análises reduccionistas dos interesados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 SantiBurrínguez

O BNG, como sempre, arrasando, non como ese vello de Beiras y Esquerda Unida, que non rascan bola. Lles vo a decir eu unhas cuantas cosas a todos esos comunistas que pretenden quitarlle votos ao BNG y que teñen a culpa de que gañe o PP. Son unhos impresentables que non saben todavía que o BNG é o único nacionalismo galego que existe y eu o gran líder nacionalista de Vigo, polo menos mentras os meus compañeiros no perdan a súa afición pola bebida, hahahaha. ¿A que son parvo?

4 Foucellas

Ollo ao can! Os rapaces de AGE no Morrazo estiveron sós, buscándose a vida para facer campaña e pegadas, e o "Abalito" pasou deles. Que saibades en AGE, que aquí sabemos como traballa este político "incombustible", que sempre sae elexido e os demais quedan polo camiño. Rapaces iludosos, traballade por Galiza, pola esquerda, pero coidado con estes "profesionais da política", que rematan convertindo as plataformas en "huestes" ao seu servizo e facéndolle o xogo á dereita. Tede moito coidaddo con San Gabriel, preguntádelle aos obreiros do naval.Cando estivo en facenda no Concello, por EU, tamén fixo das súas. Hai demasiados "infiltrados", andade con tento. Deus pon ovos en todas partes. O diñeiro non ten bandeira nin escrúpulos. Eu votei AGE, pero estou farto de que o "incombustible" sexa tan ben tratado polo poder da dereita e os que dan o peito quedan esnaquizados polo camiño."Chove sobre mollado".

3 David P.

O gram perdedor foi o psoe, tamém o pp pero o psoe perdeu o dobre de votos ca o pp e nem o nacionalismo galego (bng) nem Izquierda unida foi capaz de aproveitar algo assi, de faze-lo o resultado havia ser histórico para o galeguismo. Pra as seguintes eleiçons seguide indo da mao do psoe si? Que vos está indo de PM desde hai umha década...

2 Gamela

Agora é cando comeza a verdadeira participación democrática ! Se non DESOBEDECEMOS teremos que vivir de xeonllos durante máis de 30 anos ! Os Mercados non poden seguir gañando as eleccións ! http://www.cabozo.com/taboext.php?g... Seica aínda podemos transformar o mundo, ou todo se reduce á puñetera papeleta ??? Saúde.

1 anonimous

O triste é que ningún partido en época de crise bestial foi capaz de movilizar á xente a votar, nin sequera AGE deu recollido os 500.000 votos que perderon o PPSOE e BNG. Respeto á xente que non vota porque penso que quizais non queren formar parte deste circo mediático e manipulativo pero tamén non sei como pensan que van cambiar as cousas... por arte de maxia non vai ser e manifestándose tampouco creo que os 800.000 abstencionistas foran a algunha. A resignación non é a solución.