Os Franco presentan unha nova demanda contra o historiador Carlos Babío e outras oito persoas polo Pazo de Meirás

É pola vía civil por suposta vulneración do dereito á honra en relación coas manifestacións nun programa de televisión.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 10/03/2020 | Actualizada ás 17:18

Comparte esta noticia

A familia Franco presentou unha nova demanda contra o historiador galego Carlos Babío —membro da candidatura do BNG nas próximas eleccións galegas— e outro oito persoas máis polo Pazo de Meirás. Así o informou o propio Babío xunto aos tamén candidatos do Bloque pola provincia da Coruña nos comicios do 5 de abril, Mercedes Queixas e Xosé Luís Rivas 'Mini'.

Pazo de Meirás
Pazo de Meirás | Fonte: Europa Press

A demanda, pola vía civil, preséntase, segundo explicou Babío e recóllese na documentación facilitada, por suposta vulneración da protección dos dereitos fundamentais á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

Faise en relación aos comentarios vertidos no programa 'En el punto de mira' e, en concreto, no marco dunha reportaxe titulada 'La herencia de los Franco' no que, para os familiares do ditador, houbo un "contido difamatorio e de desprestixio" contra eles e afirmacións que "non se axustan á verdade".

Por estes feitos, Babío explicou que se lle deu un prazo de 20 días para responder á demanda e que deberá comparecencer ante o Xulgado de Primeira Instancia número 43 de Madrid nunha data aínda por concretar, segundo explicou.

A diferenza das demandas pola vía penal que tamén se lle presentaron, asegurou que neste caso non haberá posibilidade de acto de conciliación previo.

ARGUMENTOS

O historiador galego rexeitou, na súa comparecencia, os argumentos expostos na demanda, entre os que citou prexudicar a venda do Pazo de Meirás polos seus comentarios sobre como foi a adquisición ou os alusivos á familia Franco.

Por outra banda, cualificou de "absurdo" que se expoña que tivo ganancia co libro que publicou sobre o citado inmoble. "Os autores cedemos gratuitamente os dereitos", sinalou lembrando que foi editado por unha fundación vinculada ao BNG.

No entanto, incidiu en que "para defender os dereitos humanos e a memoria colectiva non hai que militar no BNG", engadiu descartando motivos políticos detrás dos seus argumentos sobre a forma en que os Franco obtiveron Meirás.

"Se hai algunha cuestión social que levante a unanimidade social en Galicia é o Pazo de Meirás", expuxo tamén en alusión ao posicionamento de institucións como a Deputación da Coruña ou o Parlamento galego sobre a recuperación do inmoble.

"Isto é o mundo ao revés, que os que estamos á beira das vítimas teñamos que comparecer", dixo sobre esta demanda.Pola súa banda, Mercedes Queixas cuestionou a súa presentación, cualificando de "abusivo e improcedente nun Estado que se define como democrático" un caso deste tipo. "Aquilo foi un botín de guerra dun ditador asasino", sentenciou Xosé Luís Rivas, á súa vez, sobre o ocorrido co Pazo de Meirás.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta