Soben a 44 os casos en Galicia, 15 pendentes da confirmación de Madrid

O coronavirus mantén a 19 pacientes ingresados, catro na UCI, e xera casos na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. A Deputación de Pontevedra cancela actos masivos e recomenda evitar consultas presenciais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2020 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

Un total de 44 pacientes deron, polo momento, positivo en Galicia á infección por Covid-19, aínda que 15 deles están pendentes da confirmación do laboratorio central de Majadahonda. Se se teñen en conta todos eles, o virus alcanzou a persoas da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra ou Vigo.

Así o confirmou este mércores o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que compareceu en rolda de prensa para actualizar os datos da enfermidade en compañía do xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, e de Teresa Queiro, xefa do servizo de Medicina Preventivo da área de Santiago.

Segundo explicou Fernández-Campa, a Xunta ten nestes momentos confirmados 29 casos, aos que se suman outros 15 que deron positivo nas primeiras probas, e están á espera da confirmación do laboratorio de Majadahonda.

Por áreas, e tomando o cómputo global, 29 pacientes están na Coruña, seis en Vigo, catro en Pontevedra, dous en Lugo, dous en Ourense e un en Santiago, o primeiro que rexistra a capital galega.

Este caso, que aínda está pendente da confirmación de Majadahonda, correspóndese cunha persoa que chegou o pasado luns de Madrid, dixo Teresa Queiro, e que o martes tiña xa síntomas, polo que foi identificada e posta en illamento. Tamén foron localizados os seus contactos próximos para realizar un seguimento do seu estado. No entanto, polo momento presenta un bo estado de saúde, polo que se decidiu facer o illamento e o seguimento no seu domicilio.

A MAIOR PARTE, ASOCIADOS A FOCOS

A maior parte dos casos confirmados ou pendentes en Galicia, 31, están asociados a catro focos identificados na Coruña e Vigo, explicou Fernández-Campa. O maior deles é o que afectou ás persoas vinculadas ao centro cívico de Feáns, na Coruña, pechado preventivamente, aínda que na Coruña identificouse outro foco familiar, que afecta a un matrimonio.

Do mesmo xeito, tamén está o foco familiar de Vigo, con catro casos confirmados e outro foco familiar, que afecta a un matrimonio de Foz (Lugo). Os casos son importados na maior parte dos casos de Madrid e nun de Italia.

O caso importado de Italia é o confirmado en Ourense, onde deu positivo unha profesora do colexio dos Salesianos. Con todo, a consellería apuntou que o outro caso en estudo na cidade das Burgas non ten relación con ela e que procede de Madrid.

Dos 44 casos, só dous pacientes están na UCI --o primeiro caso de Vigo e un home de 81 anos na Coruña--, mentres que 17 están noutras unidades de hospitalización e 25 nos seus domicilios. En canto ás idades, 16 pacientes teñen máis de 65 anos, informou Fernández-Campa, que situou en 15 anos a idade do máis novo e en 92 a do maior.

476 PROBAS

Ata a última hora deste martes realizáronse en Galicia 476 probas de coronavirus e a Xunta segue traballando na "actuación preventiva", cun "diagnóstico precoz" e preparando os protocolos para "o que puidese ocorrer nas próximas semanas".

Con iso, o conselleiro de Sanidade lembrou que recentemente se activou o plan de continxencia pola epidemia de gripe, que produciu entre 1.200 e 1.300 ingresos, polo que chamou á calma ante a evolución do Covid-19, que, polo momento, mantén ingresadas a 19 persoas.

Persoal sanitario
Persoal sanitario | Fonte: EP

XUNTANZAS DE COORDINACIÓN

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, convocou aos responsables dos principais partidos políticos galegos a unha reunión o vindeiro luns para analizar a situación derivada da evolución do coronavirus.

En concreto, remitiu a misiva ao líder do PSdeG, Gonzalo Caballero; á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ao candidato da coalición Galicia En Común-Anova-Mareas, Antón Gómez Reino; así como á portavoz de Cs en Galicia, Beatriz Piñeiro. Ademais, remitiu a carta ao PPdeG.

Por outra banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, reuniranse este xoves, 12 de marzo, co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e representantes desta institución para profundar na coordinación ante o contaxio polo coronavirus.

CANCELACIÓN DE EVENTOS

Por outra banda, as medidas de protección que recomendan non celebrar eventos de máis de 1.000 persoas en áreas pechadas e de máis de 3.000 en abertas, así como a propia evolución do coronavirus, están a producir a cancelación de varios eventos e feiras en Galicia.

En concreto, a Fundación Semana Verde informou de que se decidiu pospor a celebración do seu salón de enerxía Enerxétika 2020, previsto do 26 ao 28 de marzo, e que na súa anterior edición alcanzou os 6.250 visitantes. Do mesmo xeito, a Fundación Down Compostela tomou a decisión de cancelar a gala de entrega de premios prevista para o vindeiro venres, 20 de marzo. Outro dos eventos afectados polo coronavirus foi a gala de entrega dos premios TIC Galicia, prevista para o próximo 2 de abril no Palexco da Coruña e que foi aprazada, o mesmo que o festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que debía celebrarse na primeira semana de abril.

Operación nun quirófano
Operación nun quirófano

Tamén a manifestación convocada para este domingo, 15 de marzo, en Ferrol, para demandar a reactivación industrial das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, quedou "aprazada como consecuencia da situación que se está vivindo estes días co coronavirus", tal e como asegurou Santiago Díaz, secretario comarcal de CC OO.

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Por outra banda, a Deputación de Pontevedra activou este mércores o Comité de Seguimento pola crise do coronavirus, que avaliará diariamente as medidas a pór en marcha, entre as que o organismo provincial xa activou a cancelación de actos masivos e a recomendación á cidadanía de que eviten as consultas presenciais.

En consonancia coas recomendacións a nivel autonómico, o goberno provincial decidiu o adiamento de eventos e actividades, así como da participación en diferentes programas provinciais, co fin de evitar situacións de risco de contaxio.

En principio, as cancelacións afectarán a todos aqueles actos de carácter masivo previstos para este mes de marzo, aínda que non se descartan novas medidas en función da evolución da crise. Respecto ao público en xeral, a Deputación de Pontevedra aconsella á cidadanía que evite as consultas presenciais nas sedes e dependencias da institución, e que utilice as canles informáticas e telefónicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Qué superguais somos @s universitari@s en Madrid! Agora marchamos pal pueblo! Papi e mami son médicos en el noroeste, podemos ir sen problema! Vaia, o primeiro positivo en Compostela son eu... a que mooola? Galicia é moito! https://www.lavozdegalicia.es/notic...