Deseñan un manual de boas prácticas para os usuarios do transporte escolar

O executivo autonómico e a asociación Stop Accidentes selan un convenio para desenvolver actuacións que melloren a mobilidade na contorna rural.

Por E.P. | A CORUÑA | 11/03/2020 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

A Xunta e Stop Accidentes traballan de maneira conxunta no desenvolvemento de catro actuacións enfocadas a lograr unha mobilidade segura e inclusiva na contorna rural, centrándose nos colectivos de escolares e persoas maiores. Un dos proxectos é a redacción dunha guía de boas prácticas dirixida a usuarios de transporte escolar.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e a delegada da Asociación Stop Accidentes Galicia, Jeanne Picard, asinaron o convenio de colaboración, que conta cun orzamento de 95.000 euros, para desenvolver catro actuacións durante os anos 2020 e 2021.

A primeira das actuacións consiste en mellorar a seguridade na contorna do colexio pontevedrés CEIP Santo André de Xeve, situado nun cruzamento de estradas. Para iso, levará a cabo un diagnóstico e un proxecto para "favorecer unha mobilidade segura" que, segundo a conselleira, "servirá para extrapolar a centros escolares do rural".

En segundo lugar, este convenio inclúe un proxecto piloto para mellorar a seguridade da contorna dos equipamentos da terceira idade no ámbito rural.

Así mesmo, Xunta e Stop Accidentes elaborarán un manual de seguridade viaria e boas prácticas dirixido aos usuarios de transporte escolar (acompañantes, nenos e pais). Trátase, segundo explica Picard, dun "manual moi lexible e visible para que tanto pais, nenos e acompañantes teñan claro cales son os bos hábitos para mellorar a súa seguridade e promover a cultura da seguridade viaria".

Por último, todas estas accións irán acompañadas de 100 talleres que se impartirán en colexios e centros de persoas maiores sobre dito manual de seguridade viaria.

Firma dun convenio entre a Xunta e Stop Accidentes.. XUNTA
Firma dun convenio entre a Xunta e Stop Accidentes.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta