Condenado a 32 anos de cárcere un home por abusos sexuais a varios menores na Coruña

Os xuíces considerárono autor de catorce delitos de abuso sexual, dous deles tentados, sobre menores de 16 anos. Na sentenza, o tribunal indica que o sospeitoso se desprazaba desde Santiago ata A Coruña, onde cometeu os feitos entre xuño de 2018 e xaneiro de 2019.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 11/03/2020 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a 32 anos e medio de cárcere a un home por facer tocamentos a menores no interior dos portais das súas vivendas na Coruña, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Os xuíces considerárono autor de catorce delitos de abuso sexual, dous deles tentados, sobre menores de 16 anos. Na sentenza, o tribunal indica que o sospeitoso se desprazaba desde Santiago ata A Coruña, onde cometeu os feitos entre xuño de 2018 e xaneiro de 2019.

O modus operandi, segundo explica, era sempre o mesmo: esperaba ás súas vítimas, ás que seleccionaba ao azar, nas inmediacións dos centros escolares, seguíaas ata os seus domicilios e entraba con elas nos portais. Unha vez no interior, tocáballes nas pernas ou as nádegas e fuxía.

A Audiencia Provincial da Coruña, que tivo en conta á hora de establecer as condenas a atenuante de confesión, tamén lle impuxo oito anos de liberdade vixiada. Ademais, fixa a prohibición de comunicarse por calquera medio e de achegarse a menos de 500 metros de cada unha das vítimas, ao seu domicilio ou ao seu lugar de estudos ou de traballo durante sete anos.

O condenado, ademais, foi inhabilitado para calquera profesión ou oficio que leve contacto regular e directo con menores de idade durante sete anos. En concepto de responsabilidade civil, deberá abonar un total de 23.000 euros, que serán repartidos entre as vítimas.

Sede do TSXG. EUROPA PRESS
Sede do TSXG. EUROPA PRESS | Fonte: XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta