A Mesa avisa á Xunta: "A ONU xa fala de vulneración dos dereitos lingüísticos en Galicia"

Din que no seu informe, o Alto Comisionado pide que se garantice os dereitos da minorías lingüísticas do Estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2020 | Actualizada ás 20:17

Comparte esta noticia

A Mesa para a Normalización Lingüística apunta a que o informe definitivo do Relator para as minorías do Alto Comisionado das Nacións Unidas (ONU) recolle as "vulneracións dos dereitos lingüísticos en Galicia".

En concreto, este documento internacional apunta a que "a lexislación e o número de iniciativas promovendo a visibilidade e a posición do galego parecen impresionantes en orixe, e as autoridades de Galicia deben ser eloxiadas neste sentido". Con todo, "moitas parecen non ser implementadas de forma efectiva" e o relator considera que "os galego-falantes non poden usar a súa propia lingua coas autoridades públicas en Galicia, a pesar do aparente dereito a facelo".

Por todo isto, o relator da ONU, Fernand de Varennes instou "ao Estado español a garantir os seus compromisos en relación aos dereitos lingüísticos" en especial no ámbito da xustiza e o ensino e tamén ás comunidades autónomas "nas que fose da súa competencia".

Así, apuntan a "revisar calquera medida que poida reducir a proporción de docencia na lingua minorizada" e recomenda ás autoridades españolas que "se aseguren de dispor dos recursos apropiados, profesores, persoal de apoio e infraestruturas" para que a cidadanía pertencente a minorías lingüísticas teña a posibilidade de estudar na súa propias lingua.

Ante a emisión deste informe, A Mesa considera que se trata de "un primeiro aviso da ONU á Xunta no relativo ao Decreto de plurilingüismo" que, explican, "súmase ás demandas de derrogación que fixo recentemente o Consello de Europa".

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua
Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua | Fonte: queremosgalego.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta