Navantia activa o protocolo de prevención ante o posible caso de coronavirus dun operario dunha auxiliar en Fene

As concentracións para reclamar carga de traballo quedaron suspendidas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2020 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

A empresa naval pública Navantia activou o seu protocolo de prevención no seu estaleiro de Fene ante un posible caso de coronavirus dun operario dunha empresa auxiliar.

Navantia.
Navantia.

Segundo fontes, o home pertence a unha empresa madrileña e chegou ás instalacións de Perlío a través do ferry rápido 'Benchijigua Express', procedente de Canarias. O obxectivo da súa viaxe era pór a punto un dos diques do estaleiro fenés.

O operario comezou a sentirse indisposto e agora atópase illado nun hotel da comarca de Ferrol, mentres que Navantia tomou a decisión de clausurar aquelas instalacións nas que ten constancia de que este traballador estivo presente, para proceder á súa desinfección.

Esta medida motivou que algúns operarios de compañías auxiliares fosen enviados aos seus domicilios este xoves, á espera do que determine o Comité de seguridade e saúde laboral.

En paralelo a esta medida, os comités de empresa de Navantia Fene e Ferrol, ademais dos delegados da industria auxiliar dos dous estaleiros da ría ferrolá, decidiron suspender as concentracións que tiñan convocadas para a mañá deste xoves, 12 de marzo.

Coas concentracións buscaban demandar carga de traballo para a empresa, con todo suspendéronse para evitar a aglomeración de traballadores, seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta