Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2020 | Actualizada ás 17:40
O inverno en Galicia foi "moi cálido", cunha temperatura media durante o período de decembro a febreiro de 9,8 graos, 1,31 máis que a media rexistrada desde 1961, segundo o último informe climatolóxico elaborado por Meteogalicia.
Como explicou a Xunta, a estación non presentou "grandes diferenzas" entre os meses. Así, decembro e xaneiro foron períodos cálidos, mentres que febreiro rexistrou as temperaturas máis cálidas, cunha anomalía media de 2,71 con respecto ao esperado.
O Goberno galego indicou que isto sucedeu polas "sucesivas" situacións anticiclónicas, a través das cales entrou aire cálido do norte de África. Este inverno as temperaturas máximas medias foron "moi altas", igual que as mínimas, pois rexistraron os terceiros valores máis elevados das dúas últimas décadas.
Así mesmo, as temperaturas máis extremas foron rexistradas nas zonas de montaña de Lugo e Ourense, con anomalías que superaron os 3 graos, mentres que as máis baixas en Santiago e as rías de Arousa e Noia.
PRECIPITACIÓNS NORMAIS
Con respecto ás precipitacións, a Xunta sinalou que o inverno pasado mantivo a "normalidade". A porcentaxe de choiva foi un 17% superior aos valores normais nestes meses, cunha media en Galicia de 507 litros por metro cadrado
Aínda así, os tres meses mostraron un comportamento desigual. En decembro, houbo un 68% máis de choivas do habitual, xaneiro mantivo a media e febreiro foi máis seco, polas situacións anticiclónicas mencionadas, cun 50% de choivas menos do normal.
Por zonas, aquelas máis altas do terzo oeste alcanzaron os valores máis altos, como no Courel, onde se chegaron a duplicar. Doutra banda, nalgunhas localidades de Ourense, como Xinzo, non chegaron a superar os 300l/m2.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.