A Asociación Agraria de Galicia ve "totalmente imposible" o desabastecemento polo coronavirus e pide calma á xente

"Está garantida a chegada dos bens de primeira necesidade a todos os comercios de España", destaca.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2020 | Actualizada ás 19:08

Comparte esta noticia

A Asociación Agraria de Galicia pediu "calma" aos cidadáns e asegurou que é "totalmente imposible" que poida haber un problema de abastecemento nos comercios galegos. "A pesar da alarma provocada polo coronavirus, a sociedade debe saber que está garantida a chegada dos bens de primeira necesidade a todos os comercios de España", sinala a asociación nun comunicado.

No texto, a asociación sinala que a "grave crise sanitaria" provocada polo coronavirus está a facer que a sociedade viva nun "permanente estado de alarma" ante o que considera que debe mostrar a súa "total confianza na estrutura de produción e distribución de produtos agroalimentarios en Galicia e en España".

A entidade apelou á "calma" e sinala que, aínda que nun momento puntual un comercio poida quedar sen algunha referencia concreta por un aumento da demanda puntual, ao día seguinte "todos os andeis volverán estar cheos, xa que a cadea de distribución española é excelente".

Así mesmo, no que se refire a os artigos de primeira necesidade, como os produtos agroalimentarios, sinala que a "confianza ten que ser total". "Os nosos gandeiros e agricultores continúan producindo coa mesma profesionalidade, calidade e periodicidade de sempre", indica.

Neste sentido, lembra que cada día miles de camións se desprazan por España para recoller e distribuír os alimentos producidos polos habitantes do medio rural galego e español.

"Os habitantes do noso país teñen que estar seguros de que é totalmente imposible que cheguemos a ter un problema de abastecemento de alimentos", subliña a entidade, que destaca que neste momento están a criarse "máis de 50 millóns de cabezas de porcino en España", máis que as que están censadas no Estado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta