Presos políticos e represaliados do franquismo: "Fraga foi un dos máximos secuaces da camarilla de Franco"

Esixen retirar as distincións honoríficas de Fraga e denuncian a "biografía secuestrada e ocultada" de Fraga durante a súa etapa como franquista.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2020 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

Os presos políticos e represaliados de Galicia durante a ditadura franquista esixiron ás administracións públicas galegas a retirada das "distincións honoríficas" que aínda mantén o expresidente da Xunta e ministro durante o Franquismo, Manuel Fraga Iribarne.

O villalbés conserva títulos como "fillo adoptivo" de varios concellos e deputacións provinciais como a da Coruña. Por este motivo, persoas como Manuel Monge subscribiron un manifesto que trasladarán ás administracións públicas para que cumpran cunha cuestión que define como "hixiene democrática".

Para Monge e outros ex presos políticos como Elvira Souto, Manuel Villares, Nicanor Acosta ou Xan María Castro, "ningún ministro de Franco pode seguir mantendo distincións honoríficas polos servizos prestados a unha ditadura criminal".

Para eles existe unha "biografía secuestrada e ocultada" de Fraga. Na súa traxectoria constan "máis de 35 anos de militancia franquista e fascista". Utilizan as palabras do escritor José Manuel Caballero Bonald para facer fincapé nesta idea e explicaron que "Fraga se converteu nun dos máximos secuaces da camarilla de Franco e que as súas actuacións propiciaron a falta de liberdades e a persecución de disidentes".

"RAÍCES DO PP"

A través destes testemuños e outros feitos dos que se acusa a Fraga, como o ser negacionista do Holocausto xudeu, os presos políticos aseguran que o fundador de Alianza Popular deixa clara as "raíces do actual PP".

Ademais, non lles sorprende que na actualidade políticos de dereitas e de ultradereita asuman comportamentos relacionados coa exaltación do Franquismo e lembran cando Alianza Popular celebrou o seu primeiro congreso ao berro de "Franco, Franco".

TEMPO NOVO PARA GALICIA

Por outra banda, este venres os presos políticos reuniranse en Santiago para decidir como dar proxección e continuidade a esta iniciativa que naceu en 2018, 50 anos despois de que o Concello da Coruña outorgase o título de 'Fillo adoptivo' a Fraga Iribarne.

Apuntan a estender esta idea a todas as administracións para eliminar os restos de "toda a simboloxía franquista". Nicanor Acosta explicou que "moitas rúas de Galicia" aínda preservan a "simboloxía fascista" e é preciso un "tempo novo para Galicia".

Pola súa banda, Xan María Castro fixo fincapé nas "tendencias retrógradas" que considera que existen na democracia española a día de hoxe. Incide na necesidade de "restablecer a calidade democrática" e "limpar" o territorio de rescoldos ditatoriais.

Todos ofrecen o seu coñecemento e información da que dispoñen para que os Concellos poidan "retirar estas distincións" nun pleno local no "período de tempo máis breve posible" para botar ao "Franquismo fóra de Galicia".

Preso políticos esixen que se lle retiren os títulos honoríficos a Manuel Fraga Iribarne
Preso políticos esixen que se lle retiren os títulos honoríficos a Manuel Fraga Iribarne | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Hui

Qué bien se vive contra Franco 44 años después de muerto

1 Castro Caldelas

Un alcalde do BNG , hai poucos anos, aínda lle puxo unha rúa en Monforte de Lemos a Fraga Iribarne