Ascenden a 112 os contaxiados con coronavirus en Galicia, pero xa se rexistran as primeiras altas

Soben a sete os afectados por Covid-19 que permanecen á UCI, mentres 26 están ingresados e 79 fan seguimento domiciliario

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/03/2020 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou de que Galicia rexistra xa 112 casos de infección por coronavirus, 22 máis que ao mediodía. No entanto, este venres rexistráronse as tres primeiras altas, que se corresponden con pacientes do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).

Centro cívico de Feáns no que se realizan tarefas de desinfección por foco de coronavirus
Centro cívico de Feáns no que se realizan tarefas de desinfección por foco de coronavirus | Fonte: Concello da Coruña.

De acordo cos datos ofrecidos ao redor das 18,00 horas, 45 dos afectados por Covid-19 son da área da Coruña. Seguen a esta a de Vigo, con 20 casos; Ourense, con 14; Santiago, con 12, Pontevedra, con 11; e a de Ferrol, con 4 (esta mañá rexistrouse o primeiro).

Así mesmo, do total de pacientes que arroxaron positivo, sete permanecen na UCI, 26 están en unidades de hospitalización e 79 fan seguimento domiciliario da enfermidade.

O alto número de casos rexistrados na Coruña débese ao foco relacionado co centro cívico de Feáns, xa clausurado preventivamente, e varios dos casos están asociados a brotes familiares e son importados de Madrid ou Italia.

No entanto, este venres Sanidade informou de que en Galicia xa se produciron as tres primeiras altas de afectados por Covid-19, precisamente no Chuac.

NÚMERO DE INFORMACIÓN

Sanidade fixo fincapé unha vez máis na importancia de non empregar o número 112 para aclarar dúbidas ou para atencións non urxentes, dado que podería obstaculizarse a atención deste tipo de emerxencias. En caso de dúbidas ou síntomas leves, a poboación debe chamar ao 900 400 116 e, se se sospeita de que se poida padecer coronavirus, non acudir a centros hospitalarios.

Desde este venres, o Sergas pon ademais a disposición da cidadanía unha páxina web (coronavirus.sergas.es), na que consultar a información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos, con recomendacións e pautas de actuación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta