Esta é a letra da 'foliada vírica' que as veciñas dun barrio compostelán cantan dende as xanelas

A travesa do Escultor Asorei decidiu compoñer unhas cantas coplas para botar nesta particular foliada de corentena. 'Quería tomar un viño / unha ración na barraca / mais con este puto virus / apañareime na casa'.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2020 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

Abride as fiestras... e a cantar e a tocar! É o que propoñen as veciñas da travesa do Escultor Asorei para aledar o mediodía deste domingo ante un escenario de corentena pola crise do coronavirus que impide saír da casa agás para o estritamente necesario. 

Letra da 'foliada vírica' das veciñas compostelás
Letra da 'foliada vírica' das veciñas compostelás | Fonte: remitida

'Xuntámonos este día / as mellores deste barrio / para protexernos dun virus / montamos este agarrado'. Así versa a primeira das coplas que botarán nesta foliada, para a que se citaron dende as fiestras á unha da tarde deste domingo, 15 de marzo. Deixaron todo ben preparado e a letra non ten desperdicio ningún. Hai versos para todos e todas... 'Compramos leite ao xeito / de fame non morreremos / quedo coa gata na casa / desta xuntas sairemos'. Apelan tamén a mercar nas tendas de barrio e agradecen a entrega da "xente brava" do persoal sanitario e das dependentas dos establecementos que continúan abertos.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non se libra tampouco dos cantos destas veciñas: 'Esta vai para Feijóo / que quixo desmantelar / un sistema sanitario / público e universal / el xa falou pola tele / no idioma dos señoritos / porque para el é importante / que entendan os fodechinchos'. 

Baixo o cancelo #euquedonacasa, esta foliada convértese en todo un alegato en favor da sanidade pública e pola responsabilidade e sensatez de todas as persoas para superar esta crise sanitaria, con paciencia e bo humor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta