En Marea demanda "un plan de emerxencia social" para os colectivos "máis vulnerables"

Esixen que a Xunta e as Deputacións "asistan aos municipios" en labores como o Servizo de Axuda non Fogar (SAF).

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O partido En Marea demanda "un plan de emerxencia social" á Xunta de Galicia para atender as "necesidades básicas nos domicilios" das persoas "máis vulnerables sen redes de apoio".

O partido enviou un comunicado este domingo no que reclama "actuacións" ante a "carencia de protocolos e instrucións observada" tras o anuncio de "medidas de orde sanitaria e social" do Goberno galego.

A xuízo desta forza política, existe unha "necesidade de atender a quen coida e a quen precisa coidados", polo que deben tomarse "medidas de acompañamento social e protección" para evitar "situacións de extrema gravidade" ante a expansión de COVID-19.

En concreto, fixeron referencia ao peche dos centros de día ou os centros escolares, que suspenden a súa actividade pero non contan con "medidas de protección social de carácter urxente" para os usuarios que quedan sen estes servizos.

Esixen que a Xunta e as Deputacións "asistan aos municipios" en labores como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que é de competencia local, pero que en momentos como o actual require "asistencia coordinada e inmediata".

Para En Marea, deberían proporse "servizos mínimos" de asistencia a domicilio para reducir "riscos" de contaxio. Tamén suspender este servizo na súa modalidade de libre concorrencia, é dicir, para as persoas non dependentes.

Tamén reclama que se entregue material de protección aos traballadores auxiliares e que estes poidan entregar folletos informativos nos domicilios con medidas básicas de hixiene ou teléfonos de interese.

MESA DE COORDINACIÓN

Por outra banda, o partido ve necesario crear unha Mesa de Coordinación Sociosanitaria coas Consellerías de Política Social e Sanidade, representación do Sergas e servizos sociais comunitarios, para crear un plan de actuación de emerxencia social e dar cobertura ás persoas con especiais dificultades para "paliar as complicacións do illamento".

Tamén propoñen algo que xa puxeron en marcha algúns concellos galegos, como é o servizo de repartición a domicilio de alimentos.

Unha muller ao coidado dunha persoa maior
Unha muller ao coidado dunha persoa maior

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta