Ana Pontón dubida que "a recentralización de competencias" sirva para atallar a crise sanitaria

Insiste en "blindar Galicia" e pide moratorias no pago de hipotecas e condonacións de facturas para persoas que perdan o seu emprego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2020 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrou este domingo as súas "dúbidas" con que "a recentralización de competencias e a anulación de capacidade de actuación" de Galicia como consecuencia da declaración do estado de alarma "vaia dar unha mellor resposta" á crise sanitaria do novo coronavirus.

En declaracións aos medios, a líder nacionalista aplaudiu que se adopten "medidas claras, contundentes e eficaces" para frear a expansión do COVID-19, pero ve "necesarias" solucións "adaptadas á realidade galega".

"O Goberno galego coñece mellor os recursos, coñece mellor os medios. Hai unha situación propia en Galicia: temos un índice de envellecemento que fai que teñamos unha poboación de risco maior", sinalou Pontón.

Desta forma, o BNG súmase ás críticas lanzadas por outros líderes nacionalistas este sábado, cando o Consello de Ministros aprobaba o Real Decreto-Lei para instaurar o estado de alarma. O lehendakari, Iñigo Urkullu, pediu a Pedro Sánchez que se considerase "o modelo territorial do Estado"; e o president da Generalitat, Quim Torra, cargou contra a intención do Goberno de "confiscar" as súas competencias en saúde, seguridade e transporte.

PROPOSTAS DO BNG

Neste panorama de emerxencia sanitaria, Ana Pontón avanzou que este mesmo luns trasladará ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, unha serie de propostas para facer fronte ao coronavirus que inclúan "reforzar" o sistema sanitario e a seguridade dos traballadores que teñan que acudir aos seus postos, así como "compensacións" para a economía galega.

Ademais, reclamará "unha moratoria no pago de hipotecas", tendo en conta que "a banca aínda ten que devolver 60.000 millóns de euros" do rescate, e que aquelas persoas que perdan o seu emprego poidan acceder á condonación de recibos como a auga, a luz e o gas.

Na mesma liña que manifestou este sábado, dixo que "sería importante" restrinxir a circulación e "blindar Galicia" para controlar o COVID-19, algo que "adoptaron outros estados" afectados por este virus antes que o español.

Todas estas medidas trasladaraas Pontón a esa reunión prevista para este luns entre os candidatos das principais forzas políticas --PPdeG, PSdeG, Galicia en Común-Anova Mareas, BNG e Ciudadanos-- ás eleccións previstas para o 5 de abril, aínda que todos coincidiron en atrasalas pola emerxencia sanitaria.

"NON É MOMENTO DE PARTIDISMOS"

Neste panorama, a líder do Bloque fixo un chamamento "á calma, á responsabilidade e a serenidade". "Este non é para nós o momento de partidismos, senón de traballar man a man para que a sociedade galega saia con éxito desta grave crise", apuntou. Por iso, volveu ofrecer "toda a colaboración e compromiso" da formación ás autoridades e expresou a súa "convicción" de que os galegos, unha sociedade "firme, con capacidade colaborativa", van ser "capaces de atravesar e superar con éxito esta situación".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.. BNG - Arquivo
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.. BNG - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

1 mlon

A banca xa lle deu instrucciós ó goberno.- https://galego.lavozdegalicia.es/no...