Máis de 1.500 chamadas ao teléfono de información 012 durante a mañá deste luns

Co fin de garantir os servizos esenciais á cidadanía, ademais da atención telefónica a través do teléfono 012, funcionarán de maneira presencial as oficinas que determinen os titulares dos centros directivos polas súas funcións de carácter esencial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2020 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

O teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 recibiu 1.560 chamadas entre as 08,30 e as 14,30 horas deste luns, o que supón un 54% máis que nunha xornada habitual. Así o informou a Xunta, que explicou que o acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución do coronavirus, recolle que este teléfono canalizará, con carácter xeral, a atención á cidadanía.

Imaxe de arquivo dun teléfono móbil
Imaxe de arquivo dun teléfono móbil

Co fin de garantir os servizos esenciais á cidadanía, ademais da atención telefónica a través do teléfono 012 --que se reforzou--, funcionarán de maneira presencial as oficinas que determinen os titulares dos centros directivos polas súas funcións de carácter esencial.

Parte das chamadas atendidas polo 012 este luns fan referencia á suspensión dos prazos administrativos de tramitación dos procedementos das entidades do sector público. A Xunta lembrou que, tal e como establece o acordo do Cecop, suspéndense os termos e interrómpense os prazos para a tramitación destes procedementos, cuxo cómputo se renovará no momento en que perda vixencia este acordo ou, no seu caso, as prórrogas.

No caso dos procedementos dos que xa terminou o prazo de presentación de solicitudes, continuarase coa súa tramitación e poderán resolverse segundo o previsto, e tamén seguirán o seu trámite os presentados e con prazo de presentación aberto.

Ademais, os cidadáns terán a opción de consultar o estado do seu expediente xa presentado no seu cartafol cidadán da sede electrónica e poderán facer chegar as súas queixas e suxestións, tanto por vía telefónica no 012 ou a través da sede electrónica. Por outra banda, a empresa Seaga seguirá executando os traballos de retirada de niños de vespa velutina cando reciba o aviso no número de información 012. Estes traballos están incluídos no Programa galego de vixilancia e control fronte esta especie acordado coa Fegamp.

O Cecop de Galicia acordou, ademais, que a rede de oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia peche as súas portas e que non se renovará a demanda de emprego ata o 30 de abril. Desta forma, se é necesaria a realización de trámites urxentes na demanda, poderán facerse a través da oficina virtual ou vía telefónica, chamando á correspondente oficina de emprego ou tamén ao 012. Os trámites de alta ou baixa de gando, seguirán dándose de alta a través da Oficina Agraria Virtual ou do 012.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta