O Sindicato de Enfermaría denuncia "falta de equipos de protección" nos hospitais galegos

Urxen recursos materiais e o reforzo do persoal de enfermeiras.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2020 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

O Sindicato de Enfermaría (SATSE) denuncia que o persoal de enfermaría e outros profesionais sanitarios están a traballar "sen os equipos de protección individual" (EPIs) e nalgúns casos sen máscaras PFF2 nin cirúrxicas.

Entrada en Urxencias
Entrada en Urxencias | Fonte: © Miguel Núñez.

Ante a situación de expansión do coronavirus, o "aumento da presión nos hospitais" e o incremento do "nerviosismo" entre os profesionais, o sindicato censura que "o acceso" aos equipos de protección "está absolutamente restrinxido" e que se fornece nalgúns casos "por baixo das necesidades".

Segundo SATSE, o persoal da área de Ourense "non está a recibir máscaras a pesar de que as profesionais de planta están sobreexpostas". Por este motivo, o sindicato remitiu un escrito de queixa á xerencia de CHUO criticando que "as normas de separación non existen" e que non se conta co material necesario para unha adecuada prevención.

A OMS recomenda as máscaras PFF2 para os profesionais sanitarios, pero o representante de enfermaría apunta a que as novas recomendacións "tanto o Ministerio como os protocolos elaborados pola Xunta reduciron os niveis de seguridade, indicando o uso de simples máscaras cirúrxicas".

O mesmo que sucede en Ourense, pasa en Santiago, Coruña ou Ferrol, din, onde "as máscaras escasean, as lentes de protección recíclanse, as FFP2 están baixo chave e úsanse máis de oito horas" e, en xeral, o material raciónase.

En Vigo, ademais, "hai profesionais con síntomas" —que estiveron en contacto con contaxiados— "aos que non se lles fixo a proba de PCR" para saber se son portadores do virus ou non.

Sobre a situación en Lugo, aseguran que "as plantas de hospitalización están cunha ocupación menor do normal" e que "só se está ingresando o imprescindible" para previr a "posible chegada masiva de persoas con síntomas por coronavirus que requira a hospitalización".

No mesmo sentido apuntan a que "non existen problemas" de equipos de protección individual "nos servizos diana", como o COVID-19, "pero si hai escaseza no resto".

En canto ás residencias de maiores, SATSE solicita á Xunta de Galicia que se "elaboren e transmitan protocolos de actuación", xa que as "enfermeiras atópanse sen material e sen información", advirten. O que provoca unha situación "urxente e perentoria".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta