Foliadas virtuais e desde a cociña en tempos de reclusión

A 'Foliada da Cozinha' organizada pola Gentalha do Pichel foi todo un éxito na noitiña deste mércores.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A Asociación Cultural Gentalha do Pichel toca, baila e canta nos torreiros dende que naceu, mais nestes tempos de confinamento decidiron levar a música e o baile de volta á cociña, como tantas veces fixeran as nosas avoas e avós. Así pois, programaron a que deron en chamar Foliada da Cozinha, unha festa virtual a través dun evento Facebook. 

Foliada na cociña da casa
Foliada na cociña da casa | Fonte: Facebook Foliada na Cozinha

A cita comezou na noitiña deste mércores, ao redor das oito da tarde, e prolongouse ata as doce da noite, cando a propia Gentalha do Pichel botou as últimas coplas para despedir a foliada. As indicacións para participar eran claras e sinxelas: tratábase de subir un pequeno vídeo dende a cociña cantando, tocando ou bailando un punto ou un paseo. "Sair em pijama está aceite e bem visto!", avisaban nas bases. O caso era pasar un bo anaco e facer troula, sexa como for. A medida que a festa foi arrancando e collendo ton, uns podían interactuar cos outros, respondendo certos vídeo, preguntando dúbidas ou desafiando os puntos e coplas das compañeiras.

Á fin a foliada xuntou unha morea de vídeos diversos: algunhas persoas botaron un punto entre as lacenas da cociña, outras colleron acordeón, pandeireta e tambor; outras decidiron lanzar unhas coplas para animar a festa... Atención e agradecemento especial recibiu o vídeo dunha rapaza enfermeira que se sumou á foliada dende o hospital no que traballa. "Lonxe da cociña pero en pixama", dicía retranqueira a bailadora, que vestía a bata verde e a máscara.

Esta proposta de foliada telemática buscaba, pois, recuperar esa dimensión social da cociña, volver poñela no centro, e reivindicar ese espazo doméstico como un dos lugares onde máis historia de fixo e segue facendo. Para rematar por todo o alto, a Gentalha botoulle os seus propios cantos. "Vamos dar a despedida / Vamos dar a de remate / foliamos na cozinha / para que o virus acabe! / Muito obrigada a todxs / por virdes cantar e bailar / com gentinha coma vós / a corentena havemo-la levar!".

"Somos um povo de artistas! Ate a próxima!", despedíanse con orgullo de país. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta