Contaxiadas cinco persoas nunha residencia de maiores de Santiago e illado un asilo en Caldas

Os traballadores carecen de medidas de protección e “están desbordados” pola situación. O centro ten prazas concertadas coa Xunta. Política Social di que se illou toda unha planta de 60 persoas. No de Caldas procederon a unha desinfección.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/03/2020 | Actualizada ás 21:21

Comparte esta noticia

Catro anciáns da Residencia de maiores DomusVi San Lázaro, en Santiago de Compostela, están contaxiados con coronavirus segundo informa a Galicia Confidencial Rede, a federación galega que agrupa a familiares de residentes de centros da terceira idade de Galicia. Tamén un asilo en Caldas permanece illado tras coñecerse casos de positivo entre os residentes.

Residencia DomusVi San Lázaro, en Santiago
Residencia DomusVi San Lázaro, en Santiago | Fonte: DomusVi

A residencia de maiores de Vigo conta con 156, tanto privadas como concertadas coa Xunta de Galicia. Tamén dispón de 40 prazas de centro de día. Segundo as fontes consultadas, o primeiro positivo coñeceuse o martes, cando un dos internos tiña febre e o médico decidiu derivalo ao hospital de Santiago onde confirmaron o positivo por coronavirus.Posteriormente, coñecéronse outros catro posibles casos, que permanecen illados na segunda planta do centro.

As traballadoras están desbordadas e moi nerviosas porque carecen de material de protección”, denuncian as fontes consultadas que din que están utilizando as batas de perruquería para protexerse xa que non dispoñen de equipos de protección individual (Epis), aínda que si usan máscara e guantes. Ademais, no día de hoxe non había ningún persoal da dirección traballando ao ser un día festivo.

Os familiares denuncian que o centro aplicou tarde o protocolo en caso de contaxio, xa que, a pesar de que o paciente ingresou o martes, non foi ata o mércores cando se puxo en marcha. “Está sendo todo moi improvisado”, denuncian.

XUNTA

Desde a Xunta aseguran que toda a segunda planta, con 60 persoas, está xa illada e se aplicaron todos os protocolos. "Estamos moi pendentes do caso e somos conscientes do que alí pasa. Pechouse toda unha pranta con 60 persoas sen síntomas e as persoas están facendo seguimento en cuartos illados", apuntan fontes da Consellería de Política Social a GC.

Ademais suliñan que "están en contacto constante coa empresa" e están pendentes do caso "para ver se hai que tomar algunha medida adicional". "Pero agardamos non ter que facelo e que os positivos se curen rápido", indica.

Tamén recoñecen a falta de Epis pero argumentan que, agora, ese material está centralizado no MInisterio de Sanidade. "Tanto Feijóo como a conselleira xa lle trasladamos isto ao ministeiro e que hai que solucionar canto antes", din.

CALDAS

Por outra banda, o asilo de anciáns de Caldas, xestionado polas Hermanitas de los Ancianos Desamparados, está en corentena por un positivo en Covid-19. O concello procedeu xa a desinfectar o centro. Tras o primeiro caso de positivo, estanse realizando as probas a outros internos, algúns dos cales presentaban xa síntomas compatibles co coronavirus.

MADRID

En Madrid xa son máis de 50 os mortos en residencias de maiores, 20 deles no centro de maiores de Monte Hermoso. Ademais hai contaxiados e casos sospeitosos en, polo menos, 32 residencias desa rexión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 aldabanea

A atención ás persoas maiores non pode estar en mans privadas. Punto.