Manteñen illado ao usuario dunha residencia de maiores en Caldas que deu positivo

Política Social sinala que "ante a presenza dun posible caso de Covid-19 os responsables do centro deberán situar á persoa afectada nunha habitación habilitada para tal efecto".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2020 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O usuario da residencia de maiores de Caldas de Reis Hermanitas Anciáns Desamparados infectado polo coronavirus Covid-19 permanece illado neste centro tras confirmarse o positivo. Así o confirmaron fontes da dirección deste centro, que subliñaron que adoptaron "todas" as medidas nesta residencia de maiores que lles indicaron as autoridades sanitarias.

Pola súa banda, fontes da Consellería de Política Social sinalaron a Europa Press que o persoal de todos os centros de servizos sociais, residencias incluídas, "conta cun protocolo de actuación deseñado o pasado xoves e actualizado este luns", que recolle medidas de hixiene e pautas a seguir no caso de localizar un posible contaxio no centro.

Neste protocolo, concreta Política Social, establécese que "ante a presenza dun posible caso de Covid-19 os responsables do centro deberán situar á persoa afectada nunha habitación habilitada para tal efecto".

Ademais, no caso de ser un usuario, puntualizaron as mesmas fontes da Xunta, "deberá estar acompañado dunha persoa traballadora do centro" que "non debe manter ningún factor de risco e manterse a dous metros da persoa afectada, sempre que non necesite axuda". Ademais, concreta Política Social que no caso de que a persoa usuaria non dispoña dunha habitación individual, deberá ser trasladada "á zona de enfermaría".

O centro no que foi detectado o caso é unha residencia privada de Caldas, que xestiona a orde católica das Hermanitas dos Anciáns Desamparados. Tras detectarse este caso o Concello de Caldas ordenou un operativo especial de desinfección por parte de Protección Civil na contorna da residencia de maiores e do centro de saúde próximo, co fin de minimizar o impacto que poida ter o Covid-19 na vía pública.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta