Unha muller de 93 anos ingresada en Ourense, oitava vítima mortal nunha xornada especialmente tráxica en Galicia

Xa morreron tres persoas este venres. As outras dúas finaron na Coruña e Monforte.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 20/03/2020 | Actualizada ás 16:13

Comparte esta noticia

Unha muller de 93 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e que tiña varias patoloxías previas é a oitava vítima mortal con coronavirus que rexistra Galicia.

Posible persoa infectada de coronavirus entra en Urxencias
Posible persoa infectada de coronavirus entra en Urxencias | Fonte: © Miguel Núñez.

Este venres foi unha xornada especialmente tráxica, xa que faleceron outras dúas persoas que permanecían ingresadas en hospitais galegos con coronavirus.

Un home de 70 anos de idade que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e que tiña varias patoloxías previas foi a sétima vítima mortal con coronavirus en Galicia. Tras comunicarse este falecemento, deuse a coñecer que se trataba do que fora o primeiro presidente do mercado de San Agustín, Carlos Díaz.

Fontes consultadas confirmaron que era familiar dun dos usuarios do centro de Aspronaga en Lamastelle, en Oleiros (A Coruña), onde se detectaron varios positivos por coronavirus e do que era usuario outro falecido.

A primeira hora deste venres as autoridades sanitarias informaron da primeira morte do día, a dun home de 89 anos de idade que estaba ingresado no Hospital de Monforte e que presentaba múltiples patoloxías complexas previas.

A quinta vítima mortal en Galicia foi un home de 75 anos, que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e que presentaba varias patoloxías crónicas previas.

Pola súa banda, a cuarta vítima mortal rexistrouse o mércores 18 de marzo, xornada na que faleceu un home de 72 anos tamén ingresado na Coruña.

Previamente, a terceira vítima mortal en Galicia foi un home de 45 anos de idade que contaba, así mesmo, con patoloxías previas e que tamén estaba ingresado no CHUAC.

Antes faleceu un home de 81 anos con varias patoloxías, ingresado no Hospital Montecelo de Pontevedra, mentres que a primeira morte en Galicia foi a dunha muller de 92 anos, con múltiples patoloxías previas, que estaba ingresada no centro de Povisa, en Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta