Primeiro caso de coronavirus na residencia San Carlos de Celanova

O enfermo foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Caldas de Reis establece un "operativo especial de limpeza" tras o positivo nunha residencia.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 20/03/2020 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

A residencia de maiores San Carlos, no concello ourensán de Celanova, rexistrou o seu primeiro caso de coronavirus nun usuario que foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Segundo confirmaron fontes coñecedoras do caso a Europa Press, o diagnóstico coñeceuse durante a pasada xornada, cando o residente da San Carlos foi evacuado ao CHUO.

O paciente empezou a presentar os síntomas máis frecuentes do coronavirus (tose, disnea e febre), polo que os encargados desta residencia activaron o protocolo a seguir polo Sergas e puxeron os feitos en coñecemento da sanidade pública.

Na mesma xornada trasladárono ao CHUO e foi alí onde lle realizaron a proba para determinar se sufría esta patoloxía, que resultou confirmar as sospeitas dos sanitarios.

De momento non se realizou ningunha outra proba ao resto de usuarios nin ao persoal que traballa na residencia de Celanova, pero séguense os "protocolos marcados polo Sergas" e a persoal conta con "material de protección".

Ademais, as mesmas fontes confirmaron que ningún outro residente está illado e que todos os profesionais que traballan alí tratan de "adaptarse á nova situación".

Residencia San Carlos de Celanova
Residencia San Carlos de Celanova | Fonte: Google Maps.

CALDAS

O Concello de Caldas de Reis acordou este venres un "operativo especial de limpeza e desinfección" no centro urbano no marco da crise contra o coronavirus Covid-19 tras detectarse un positivo na residencia de maiores.

Segundo informou o Consistorio, este operativo cubrirao persoal de limpeza e o reforzo dos operarios do servizo municipal de obras e do corpo de Protección Civil.

Eles realizarán nos próximos días desinfeccións diarias nas contornas dos establecementos de alimentación, das farmacias, bancos e, en xeral, dos comercios que manteñan o servizo durante o estado de alerta.

Nas últimas xornadas, confirmaron as mesmas fontes municipais, o Concello reforzara a limpeza dalgúns espazos urbanos considerados "especialmente sensibles" con medios humanos e a máquina varredora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta