Humor na corentena con Alberte Montes

O actor, cómico e guionista escribe o #2 tempo da súa sección 'CONFINAR FELIZ', un diario sobre o confinamento.

Por Europa Press / Redacción | BARCELONA | 23/03/2020 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A xente estalle dando á cachola. Moito. Até xa hai quen está farto polo moito que lle está dando á cachola a xente. Nunca contentos. Todo mal. Somos así. A ver se todo isto nos axuda a cambiar un chisco.

Alberte Montes.
Alberte Montes.

Os balcóns son as novas prazas, ximnasios, bares, discotecas... Non falo xa dos que teñen terraza ou terreo porque esa xente a dia de hoxe dáme moitísmo noxo. Síntoo, xa se me pasara. Eu teño un minúsculo balcón no que conviven tres plantas e unha bicicleta atravesada. Non podo nin asomar unha perna. Agora entendedes, non? Teño que aplaudir dentro da casa. Miseria.

"Os balcóns son as novas prazas, ximnasios, bares, discotecas..." 

Aplaudo ós sanitarios, ós empregados de supermercado, e sobre todo ós que tosen no cóbado. Custa de crer, pero aínda hai quen bota para fóra sen contemplacións. Aspersorios humanos que causan o pánico en vilas e cidades de todo o Estado. Moito coidado, compre esquivalos como quen camiña por un campo de minas. O slalom do coronavirus.

Pero volvamos á parte entretida. Hai músicos ofrecendo concertos dende as súas casas, tamén está Alejandro Sanz. Compañeiras e compañeiros cómicos poñendo o seu talento ó servizo dos directos de Instagram, de feito se fochicades no meu perfil (@albertemontes), veredes que eu tampouco me puiden resistir a iso. Hai cursos online de todo tipo, lecturas de poesía, exercicios de ximnasia...

"A escusa deste novo século é o tempo, mellor dito a falta del"

Eu celebro toda esa explosión de creatividade e de opcións. A escusa deste novo século é o tempo, mellor dito a falta del. Sendo optimista (costa, seino), iso é o bo que nos deixa o confinamento. Tempo. Tempo até para perdelo tempo. Se es deses, non te preocupes, teño unha mensaxe para ti: Non estás só. 

Alberte Montes (Os Anguieiros 1986 - Bos Aires 2037)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta