Coronavirus: Persoal do servizo de limpeza da Coruña denuncia estar "desamparado e abandonado"

O Concello de Ourense impulsa a fabricación de máscaras con impresoras 3D. A Garda Civil tramitou 496 denuncias por infraccións do estado de alarma a fin de semana en Galicia. Os centros de saúde reorganizan a atención e concentran as patoloxías respiratorias para minimizar os contaxios. A cámara provincial de comercio de Pontevedra apoia ampliar o estado de alarma e pide medidas económicas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2020 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

Traballadores do servizo de recollida de lixo da Coruña, así como da limpeza viaria, esixen medios de protección para o desempeño do seu traballo, á vez que denuncian estar "desemparados e abandonados" a este respecto polo goberno local coruñés e pola empresa.

Fixérono a través dun comunicado remitido polo presidente do comité de empresa de Ferrovial Servizos-Cespa -- actual concesionaria dos servizos de recollida de lixo da Coruña e de limpeza viaria--, José Luis Varela, así como o do Sindicato dos Traballadores da Limpeza (STL), Miguel Ángel Sánchez.

Así mesmo, segundo trasladaron aos medios de comunicación, os traballadores secundaron unha protesta para evidenciar a súa situación e na que fixeron soar as bucinas dos seus vehículos antes da súa quenda de traballo, para expresar o seu rexeitamento pola "falta de medidas de protección e prevención necesarios (máscaras, luvas, lentes,...).

Nas últimas horas, denunciaron tamén que non dispoñen de líquidos desinfectantes e que a empresa delega nos traballadores "a responsabilidade de evitar contaxios, algo totalmente ilóxico e ilícito pois é esta e non o persoal quen debe garantir que poidan facer o seu traballo nas debidas condicións".

Por todo iso, reclamaron a colaboración da cidadanía para que faciliten a xestión dos residuos "e, conforme ás directrices recibidas polo Ministerio de Sanidade, a OMS e resto de organismos, depositen, nunha dobre bolsa aparte, os residuos que poidan conter patóxenos (luvas, máscaras ou panos)".

Ademais, piden que se extremen as medidas no caso das mascotas, "saíndo á rúa cunha botella rechea de auga e xabón para verter onde os nosos animais de compañía fagan as súas necesidades".

Efectivos da UME desinfectan Alvedro
Efectivos da UME desinfectan Alvedro | Fonte: UME.

FARMACIAS

O Colexio oficial de Farmacéuticos da Coruña pediu que só se acuda á farmacia "nos casos realmente imprescindibles, que así o requiran". Nun comunicado, precisan que estes casos son os relacionados con aqueles produtos que sexa necesario "retirar". "E en ningún caso outros artigos que non sexan urxentes", apostilan.

Tamén instan a evitar situacións de visitas reiteradas a estes establecementos sanitarios sempre que sexan "evitables". Ademais, estes profesionais piden á poboación "que non faga provisión de medicamentos ou realice un autoconsumo que non estea xustificado".

Por outra banda, sinalan que, desde a entrada en vigor do estado de alarma, "moitas farmacias de determinadas zonas viviron unha afluencia de persoas similar ao dunha situación de normalidade, observándose mesmo incrementos nalgúns casos ao comezo".

Os farmacéuticos recalcan que a persoa que debe ir á farmacia debe ser "unha persoa sa, sempre que sexa posible, sen síntomas como tose, febre ou sensación de falta de aire". "As persoas maiores ou colectivos de risco deben quedar en casa e evitar exposicións innecesarias", engade.

MEDIDAS EN SANTIAGO DE COMPOSTELA


O Concello de Santiago axustará de novo a dispoñibilidade de prazas exentas de ORA pola alerta sanitaria. Neste sentido, levantarase o pago en todo o termo municipal, salvo na contorna da praza de Abastos para garantir o funcionamento e a dispoñibilidade dos servizos de carga e descarga.

Doutra banda, a xunta de goberno local aprobou un acordo para facilitar a dispoñibilidade de alimentos e subministracións a persoas e familias en situación de vulnerabilidade, a través dun bono de compra e unha cartilla á que poderán acollerse cadeas comerciais e establecementos pequeno comercio. Así o avanzou nunha rolda de prensa retransmitida por 'streaming' o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Preguntado polo ofrecemento dalgúns composteláns a fabricar máscara, o rexedor mostrouse "agradecido" posto que se trata dun dos principais problemas para o Goberno local. "Está a quitarnos o soño", recoñeceu, sinalando que a subministración de máscaras e materiais para os servizos de emerxencia é un "problema xeral" de todas as administracións.

Tamén actualizou o número de denuncias practicadas, unhas 46 en total (29 tramitadas), a maioría por circulación na vía pública sen un motivo xustificado ou razoable. Doutra banda, o tráfico rodado experimentou unha redución "enorme", de preto do 90 por cento. Así mesmo, o servizo de atención 010 recibiu unhas 48 chamadas desde a súa posta en servizo, e prestouse axuda alimentaria en todos os casos solicitados a través de voluntariado de Protección Civil ou da Cruz Vermella. Preto dunhas 200 familias recibiron produtos básicos.

CÁMARA DE COMERCIO DE PONTEVEDRA

A Cámara de Comercio de Pontevedra apoiou a aposta do Goberno por ampliar o estado de alarma ata o 11 de abril --que deberá ser referendada polo Congreso dos Deputados-- e avogou por que se poña en marcha un plan de choque para paliar os efectos da crise sanitaria do coronavirus na economía, que podería implicar unha caída do Produto Interior Bruto (PIB) de entre o 5 e o 7 por cento.


A entidade empresarial advertiu de que o peche de establecementos "suporá importantes dificultades de tesouraría e financiamento, especialmente para as pemes" e subliñou que, se non se pon en marcha medidas "extraordinarias", esta situación levará a paralización definitiva da actividade nalgúns casos. Tamén lamentou que a afectación á actividade industrial provocará un "enfraquecemento do tecido produtivo", así como a aplicación dos Expedientes de Regulación Temporal do Emprego (ERTE), xa anunciados, que chamou a axilizar.

Por este motivo, a Cámara de Comercio provincial reclamou a posta en marcha dun "plan de choque" económico que contemple a habilitación dun crédito por parte do Goberno que permita inxectar liquidez en sectores afectados, así como a anulación de taxas e impostos a empresas que paralizasen a súa actividade.


Adicionalmente, a entidade avogou por que a Unión Europea (UE) estableza un marco que permita axudas de empresa e anule temporalmente as regras de estabilidade orzamentaria. Do mesmo xeito, propuxo que o Banco Central Europeo (BCE) "arbitre a emisión de eurobonos que poidan apoiar economicamente as medidas nacionais".

PECHA UN ESTALEIRO VIGUÉS TRAS UN POSITIVO

O estaleiro vigués Construcciones Navales P.Freire suspenderá a súa actividade a partir deste martes, a instancias dos propios traballadores, despois de que un operario dunha auxiliar dese positivo en coronavirus, e co apoio da propia dirección da empresa.

Así o trasladaron a Europa Press fontes do comité, que explicaron que este luns houbo unha reunión entre os representantes dos traballadores do estaleiro e os representantes das empresas auxiliares.

Esta reunión produciuse despois de que un operario dunha desas empresas auxiliares dese positivo en Covid-19. Este traballador empezou a atoparse mal o pasado mércores e, tras acudir aos servizos sanitarios, foi sometido á proba do coronavirus e deu resultado positivo, segundo explicou o presidente do comité, Darío González (CC.OO.).

“Falouse entre todos e decidiuse que o mellor é non seguir traballando”, sinalou González, quen precisou que, no entanto, a empresa implantara os protocolos de seguridade e hixiene necesarios. A ese respecto, sinalou que, no estaleiro, implantáronse medidas como reorganización de quendas para evitar aglomeracións en vestiarios e outros espazos, desinfección de estancias, etc., “todo menos uso de máscaras e luvas, pero é moi difícil manter as distancias de seguridade“.

Por todo iso, os representantes dos traballadores decidiron suspender a actividade, nun momento en que o estaleiro, paradoxalmente, se atopaba “traballando a pleno rendemento“. De feito, Freire ten tres embarcacións en construción (un ‘megaiate’, un oceanográfico e un atuneiro) e outro en reparación.

Con todo, precisou o presidente do comité, a dirección de Freire “entendeu e apoia” a decisión do persoal, e avanzou que se negociará un Expediente de Regulación Temporal de Emprego. O estaleiro ten en nómina algo máis de 60 traballadores, pero nestes momentos estaban a traballar uns 600 operarios de empresas auxiliares, polo que haberá ERTES “cadea”.

REORGANIZACIÓN DOS CENTROS DE SAÚDE

Centros de saúde de Galicia optaron por reorganizar a atención e, nalgúns casos, apostaron por concentrar a atención de pacientes con patoloxías respiratorias e asistir ao resto noutros para minimizar o risco de contaxio por coronavirus Covid-19.

Así o manifestaron a Europa Press fontes dos colexios de médicos de Galicia, que comentaron que a reorganización en áreas como a de Vigo partiu dos traballadores dos centros de saúde e, posteriormente, recibiu o visto e prace da xerencia sanitaria. Deste xeito, por exemplo, explicou a Europa Press o vicepresidente do Colexio de Médicos de Pontevedra, Manuel Rodríguez Piñeiro, un usuario do centro de saúde de Bembrive en Vigo "se ten patoloxías respiratorias debe acudir a Sárdoma".

Ademais, os veciños de Mondariz, Salvaterra de Miño, As Neves e Ponteareas con patoloxías infecciosas serán atendidos no centro sanitario desta última localidade pontevedresa, que concentra ese tipo de asistencia.

Esta organización, destacou o doutor Rodríguez Piñeiro, partiu de traballadores dos centros de saúde porque se estaba "arriscando unha chea de recursos humanos", polo que apostaron por evitar, na medida do posible, contaxios por coronavirus entre o persoal de Atención Primaria. Ademais, os médicos de familia deses "poderán facer a solicitude de PCR (test)", matizou Manuel Rodríguez, petición que unicamente facía o hospital correspondente.

Pola súa banda, en zonas como a cidade de Ourense, explicou a Europa Press o presidente provincial do colexio de Médicos, José Luís Jiménez, a atención da mañá dos sábados nos centros de saúde pasa ao momento de Atención Continuada (PAC) co apoio dos médicos de familia dos mesmos. O doutor Jiménez comentou que se trata de "autoorganización" dos profesionais para "unificar" a atención na mañá dos sábados co fin de "agrupar traballo" para "evitar contagios e facilitar o descanso" aos traballadores sanitarios.

Mentres, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, o consultorio de Vilaxoán, no municipio de Vilagarcía de Arousa, pecha ao público desde este luns e o centro de saúde de San Roque concentra a asistencia, con cita telefónica, no marco da crise polo coronavirus.

Pola súa banda, na provincia de Lugo transcendeu que se estuda a reorganización en centros de saúde da Mariña, mentres que noutros puntos de Galicia se analizan medidas tamén para optimizar recursos. 

TEST DE DIAGNÓSTICO

Os pacientes que están máis graves, os profesionais sanitarios e as residencias de persoas maiores van ser os primeiros en recibir o test de diagnóstico do coronavirus, segundo informou o director do Centro de Coordinación Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón.

Este sábado, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou que o Goberno ía pechar unha operación para a compra de 6 millóns de novos test de detección do virus (PCR) para o diagnóstico do coronavirus, que se suman aos 640.000 tests xa adquiridos que chegarán nos próximos días. Ademais, lembrou que se fan 15.000 probas diarias en todos o país, cun total de 355.000 realizadas ata o momento.

A cifra, tal e como sinalou Sánchez este fin de semana, poderase incrementar ata as 80.000 probas rápidas diarias, que ofrecen resultados en 15 ou 20 minutos, cando se sustancie a compra de 4 robots que realizan miles destas probas rápidas con seguridade.

CONTRATACIÓN DE AUXILIARES DE POLICÍA LOCAL

A Xunta porá "a disposición de todos os concellos galegos" a bolsa de contratación de auxiliares de Policía Local da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) ante a pandemia do coronavirus. Ata o momento, lembra o Goberno autonómico, só accedían a ela os municipios que asinaran un convenio coa Academia para recentralizar os procesos selectivos.

Iso si, as 74 entidades locais adheridas ao convenio terán preferencia e contarán con cinco días hábiles, a partir deste luns, para acceder á bolsa. Ao finalizar este prazo, abrirase a todos os concellos que o requiran. O obxectivo é, informa a Xunta, "facilitar a cobertura de prazas no caso de que fose necesario" no actual contexto de emerxencia sanitaria e estado de alarma polo Covid-19.

Ademais de abrir a listaxe de municipios, tamén se facilitarán "ao máximo" os trámites. Neste sentido, os gobernos locais "só terán que dirixir a súa petición directamente á Agasp" na dirección formacion.agasp@xunta.gal.

Nesa solicitude, o concello terá que indicar o número de efectivos que precisa, durante canto tempo e que cumpre os requisitos esixidos para a contratación. Así mesmo, a Xunta lembra que deberán comunicarllo ao centro de coordinación da Delegación ou Subdelegación do Goberno que corresponda.

DESINFECCIÓN RESIDENCIA DE MAIORES

A Unidade Militar de Emerxencias (UME) acode este luns á residencia San Carlos de Celanova (Ourense), que contabiliza 25 casos de coronavirus entre persoal e usuarios, para efectuar labores de desinfección e asesorar os empregados do centro.

Así o anunciou o alcalde, Antonio Puga, quen espera que estes efectivos cheguen "sobre as doce e media". Precisamente, na noite do domingo, o rexedor informaba que, tras varias xestións coas administracións autonómica e estatal, activáronse "os protocolos necesarios" no centro.

A UME procedará así á desinfección desta residencia privada que este domingo rexistraba 13 usuarios —que se atopan illados no propio centro— e 12 traballadores infectados con Covid-19.

Precisamente, o venres falecía unha das residentes que padecía esta enfermidade, unha muller de 93 anos con patoloxías previas que ademais se convertía no primeiro falecemento da provincia de Ourense.

En canto á atención dos usuarios da residencia que se contaxiaron, o alcalde aposta pola súa recolocación "noutro lugar" onde poidan "recibir atención sanitaria", como un centro hospitalario ou, segundo mencionou, as dependencias da Fundación San Rosendo nos Milagres, en Ourense.

MÁSCARAS 3D

O Concello de Ourense, a través do centro de coñecemento La Molinera, colabora na fabricación dunhas máscaras protectoras con impresoras 3D e bobinas de PLA, material co que se realizan os produtos e as pantallas, para facerllas chegar aos particulares que as soliciten.

O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, explica que esta acción pon de manifesto a vontade do Concello de "contribuír a garantir a saúde dos ourensáns" xa que se trata de "aproveitar un espazo como La Molinera para que se poida contar con material que axude a evitar o contaxio".

O Concello destacou que, na última semana, a colaboración cidadá para loitar contra a pandemia Covid-19 xorde a través de múltiples iniciativas. Unha destas, segundo indicou, promoveu a fabricación con impresoras 3D de diferentes produtos para paliar a propagación do virus na medida do posible.

En primeiro lugar, conforme sinalou, materializouse un grupo a nivel estatal denominado o Coronavirus Maker, que en Galicia derivou nos CV19-GAL e no que participan moitos dos integrantes da Molinera.

Deste xeito, o Consistorio ourensán puxo a disposición deste grupo as impresoras 3D e as bobinas PLA. Neste momento, os integrantes desenvolven os primeiros prototipos de rendemento dunha máscara cada 75 minutos, co que se pretende realizar sete ou oito cada día. Ademais, trabállase para dispor de 30 máquinas, o que suporá realizar unhas 210 unidades diarias.

SANCIÓNS DA GARDA CIVIL

A Garda Civil tramitou 496 denuncias por infraccións do estado de alarma durante a pasada fin de semana en Galicia, 293 o domingo e 203 o sábado. Así o informaron fontes do Instituto Armado, que apuntaron que, en xeral, se trata de persoas interceptadas a pé ou en vehículos que non cumpriron as normas decretadas que leva o confinamento para frear o coronavirus Covid-19.

En concreto, este domingo foron denunciadas pola Benemérita 107 persoas na provincia da Coruña; 75 na de Pontevedra; 61 na de Ourense e 50 na de Lugo, pero non houbo detidos.

Mentres, este sábado o Instituto Armado denunciou a 76 persoas infractoras na Coruña; 67 na provincia de Pontebedra; 37 na de Ourense e 23 na de Lugo. Tampouco houbo arrestados esa xornada.

En total en España, o domingo foron detidas pola Garda Civil 15 persoas e 4.784 denunciadas; e o sábado houbo 18 arrestados por este corpo de seguridade e 3.407 denunciados no Estado español por infraccións ás normas establecidas con motivo do estado de alarma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta