Traballadores de supermercados: "Estanse volvendo de ouro pero nós non lles importamos nada"

Mentres a meirande parte da poboación se protexe nas súas casas, o persoal dos supermercados é un deses colectivos que traballa sen descanso dende que se decretou o estado de alarma. Expostos ao contaxio durante boa parte do día, o traballo vólvese esgotador: "Estás tan asustada, tan medosa, que hai discusións case todos os días... Non estamos protexidas, non estamos ben".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Son moitos os colectivos que ao longo destes días traballan arreo para manter en funcionamento os servizos mínimos do conxunto da sociedade. Persoal sanitario, persoas encargadas dos coidados, transportistas, repartidores, persoal dos supermercados, persoal da limpeza... Están en primeira liña fronte ao coronavirus. Mentres que a meirande parte da poboación se resgarda nas casas, teletraballa e sae o mínimo posible á rúa, estes colectivos non poden escapar do traballo presencial, que é máis demandado ca nunca.

Colas no exterior dun supermercado controladas por militares tras a declaración do estado de alarma pola pandemia de coronavirus
Colas no exterior dun supermercado controladas por militares tras a declaración do estado de alarma pola pandemia de coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

Nun estado das cousas normal, trátase de empregos que adoitan pasar desapercibidos, mais de súpeto, o coronavirus espertou a consciencia do seu carácter esencial na vida diaria das persoas: nun momento de crise, son eles quen nos salvan. Eses traballos poucas veces valorados e moitas veces precarizados son agora quen terman do sistema, quen nos fan non afundir, quen resultan indispensables. Semella que se de algo serven as crises é para pousar de novo os pés na terra.

Un destes colectivos é o dos traballadores e traballadoras de supermercados, que están en constante exposición ao contacto cunha morea de persoas que pasan diariamente polos seus establecementos. Nos primeiros días de confinamento a situación foi "un caos total", e aínda que agora os controis de aforo manteñen a situación algo máis tranquila, o persoal quéixase do baile de protocolos dun día para outro e da falta de medidas de protección para traballar con seguridade. 

SEN MÁSCARAS NIN LUVAS

Un dos empregados dun centro Carrefour de Galicia asegura que botaron cinco días dende o comezo do estado de alarma traballando sen ningún tipo de protección, sen máscaras e sen luvas. "Todas as medidas chegan tarde, imos a remolque". O aforo, igualmente, comezou a controlarse unha semana despois de que se estableceran as normas do real decreto. Ademais, os protocolos "cambian cada dúas horas". Segundo conta o traballador, a dirección do supermercado non ten claras as zonas ás que se debe restrinxir o acceso. "A destinada aos televisores chegou a abrirse e pecharse tres veces nun día", relata. "A información chega tarde e chega moi mal; se era de contaxiarse aquí, a xente xa se contaxiou".

Concretamente no seu centro traballan un total de 142 persoas e entre eles resulta "imposible" manter a distancia de seguridade de metro e medio mínima para evitar os contaxios por coronavirus. "Antes tiñamos as cafeterías para poder almorzar, pero agora están pechadas e ás veces chegamos a xuntarnos unhas 30 persoas nunha sala de doce metros cadrados". Este empregado considera tamén que hai traballadores aos que non deberían mandar traballar, xa que os seus postos non son agora mesmo indispensable. "Se os quixeran protexer, mandaríanos para a casa. Isto é telos expostos seis días á semana para nada", sentenza.

FACER NEGOCIO

Preocupa tamén ao persoal a posibilidade de que algúns centros se acollan á medida decretada por parte da Xunta de Galicia sobre a liberdade horaria dos establecementos de primeira necesidade. Polo de agora, supermercados como El Corte Inglés decidiron abrir tamén os domingos, decisión moi criticada por parte dos sindicatos. CCOO vén de emitir un comunicado no que afirma que "non é hora de facer negocio" nin tampouco "de poñer en risco a saúde das persoas traballadoras".

No caso do Carrefour, o horario reduciuse nunha hora durante esta etapa de confinamento. Con todo, o traballador deste centro apostaría por unha redución aínda maior, xa que "se trata de minimizar o risco" e "non dar pé a que a xente saia das casas". Ademais, a dirección comunicoulles que esa hora que queda sen facer deberán recuperala cando todo volva á normalidade. "Estamos expostos todos os días, pero nin iso che perdoan", critica. A sensación que se palpa no ambiente é que "o que importan son os cartiños". "Un desastre total", zanxa.

A impresión é a mesma para a traballadora do Gadis que nos conta a súa experiencia. "Agora mesmo estanse volvendo de ouro, están facendo facturacións de diñeiro enormes, descomunais, pero nós non importamos en absoluto". A súa situación é moi semellante á do empregado do Carrefour. Recorda con especial agobio a semana anterior ao estado de alarma, un días nos que se produciron aglomeracións de xente en todos os supermercados do país. "Era coma se fose haber unha guerra. Case non podías dicir nin 'ai' de tanto traballo que tiñas".

TRABALLAR CON MEDO

Agora, as augas volven ao rego, mais seguen facéndose colas infinitas e segue sendo agobiante. Traballar nestas condicións vólvese moi complexo. "Levámolo fatal, con moita carga, moitas responsabilidades e moito medo. Estás tan asustada, tan medosa, que hai discusións case todos os días... Non estamos protexidas, non estamos ben", conta esta traballadora do Gadis. "Nin tes ganas de ir traballar, nin te das posto ao día... É un constante estrés, cansanzo, mal humor...".

Dende a dirección, as empregadas reciben un só papel por semana con indicacións a ter en conta. "De entrada poñen que che agradecen o traballo, que sen nós non serían nada, e logo din que hai que manter a distancia de seguridade - cousa que nos é imposible -, lavar as mans continuamente, manter a calma... Unhas normas moi básicas". Durante todo este tempo levan traballando sen máscaras e sen luvas, e ante a falta de medidas por parte de Gadis, foron as propias traballadoras quen decidiron tomar a iniciativa para protexerse: "Fixemos unha máscara de tela e fervémola en auga todos os días ao chegar á casa para desinfectala".

Esta traballadora asegura que hai persoas con factores de risco traballando no supermercado, que tampouco fixo redución no seu horario. "A xente protesta, pero nada; como lle caiamos todos veremos a ver que fan". O razoable, segundo esta traballadora, pasaría por establecer medidas de prevención efectivas e implantar turnos de traballo máis curtos. "Nós tamén temos familia na casa, eu vivo con persoas dunha certa idade, cos meus fillos... Hai medo aos contaxios". 

IR AO SUPERMERCADO COMO ESCUSA PARA PASEAR

En canto á actitude da clientela, ambos os traballadores concordan en que a maioría é respectuosa, mais o certo é que se atopan con casos de todo tipo. "Hai moita xente que non é consciente do que pasa é á que lle dá igual todo con tal de chegar e arrasar", conta a empregada do Gadis, que nota un aumento no consumo de bebidas alcohólicas, carne e friame, ademais do xa famoso papel hixiénico. "Ás veces non gardan as distancias, igual véñenche coa máscara na cabeza, algúns non usan luvas, apóianse nos mostradores, pagan con efectivo por máis que se insiste en que é preferible pagar con tarxeta...". 

O traballador do Carrefour observa que algunha xente segue vindo comprar en parella ou que visita o supermercado todos os días no canto de facer unha compra grande para toda a semana. "Isto non pode ser, se o permitimos seguirán vindo pasear e o problema non se reducirá", sinala. Nos dous casos, en Gadis e Carrefour, puxeron un separador de metacrilato para que o contacto non fose tan directo, mais segue habendo quen se achega aos traballadores sen máscaras e sen luvas. A súa seguridade, recordan, tamén depende das medidas de prevención que tomen os propios clientes, aos que se recomenda acudir aos supermercados o mínimo posible e atender todos os avisos e suxerencias que impoña o establecemento. 

Polo de agora, o día a día destes traballadores estase facendo costa arriba. "Traballas con preocupación porque sabes que se algún compañeiro teu colle o coronavirus, alá imos o 80% dos traballadores. Somos conscientes de que hai que traballar, pero queremos facelo cunha seguridade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

10 Sentidiño

Hoxe estiven nun Froiz (vou cada sete días) e mellorou moito: mamparas nas caixas, mascarillas., liñas vermellas nos mostradores, avisos contínuos por megafonía,... Moito ánimo ás traballadoras!

9 Vivamos como negros

Gadis: Trabajadores sin mascarillas,gel,guantes,malos tratos,cobrando sueldo base y su jefe riéndose de todos ellos diciendo que ya se lo recompensaran y que hacen horas de más por su bien con respecto amla competencia.Derechos cero

8 Daniel F. Noquerol

Liberados sindicales e políticos profesionais a traballar nos supermercados e nos asilos dunha p. vez.

7 galegoexiliado

Onte fun ó Gadis do meu barrio. Nin unha soa das empregadas portaba máscaras. Tamén había moitos clientes sen máscaras nin luvas. Por certo que nunca vin tantos homes na cola do super, non sei si será polo 8M, por axudar á sua dona ou por sair un pouco da casa. E dijo eu, que xa que estos dias moitos aproveitamos pa facer bricolaxe e reparacions caseiras, ben poderían deixar un Briko de garda. ¿A alguén lle sobra un pouco de cemento e pintura branca? acabei co remanente.

6 Daniel F. Noquerol

Burócratas da Xunta a traballar nos supermercados xa!

1 Gamela

entón fixo que morremos de fame !!! (non deas ideas) !!!

2 Alienao

Noquerol ti que vas de ácrata ocasional ou de opositor fracasado?

3 Daniel F. Noguerol

Alienao: vou de farto de traballar para ladróns e parásitos sociais.