Museo de Verín, 27.000 visitantes en tres anos

O Museo Claustro Mercedario celebra estes días o seu terceiro aniversario. Neste tempo leva organizadas máis de medio cento actividades académicas, divulgativas e pedagóxicas enfocadas a dar a coñecer a historia da súa comarca e crear entre os seus veciños un sentimento de identidade.

Por X.M. Fernández | Verín | 24/03/2020 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

O Museo Claustro Mercedario permanece pechado, dende o pasado 12 de marzo, por mor da situación sanitaria actual en relación co COVID-19. Ata esa data, a suma dos visitantes que pasaron polas instalacións do museo chegaba aos 26.894, unha mostra do éxito turístico e do compromiso conseguido cos veciños.

Museo Claustro Mercedario de Verín. Foto: Prensa concello
Museo Claustro Mercedario de Verín. Foto: Prensa concello

O Museo Claustro Mercedario conseguiu ser atractivo para a xente de fóra pero tamén para a xente da comarca de Monterrei. Proba disto é a  implicación crecente da veciñanza que comeza a achegarse ao museo para a cesión de pezas para a súa exposición e divulgación.

O museo localízase nun emblemático edificio verinense do século XVIII, construído en parte con pedras procedentes da fortaleza de Monterrei. No ano 2017, coincidindo coa celebración das festividade de San Lázaro na vila, o Concello apostaba por un proxecto que dinamizase a cultura, o turismo e a vida social de Verín.

Nas súas exposicións permanentes: ”Dionisos, 2000 anos de viño en Monterrei”, ”Tartessos, primeiros contactos”, ”Identificadores aromáticos e túnel dos viños de Monterrei”, ”Monterrei, berce do licor café”, “Padrón dos Pobos” e “A Lareira” reflíctese a forte tradición vitivinícola que marca a historia de Monterrei e as relacións dos primeiros moradores deste val con civilizacións forasteiras. Permiten tamén, estas mostras residentes, coñecer aos contrabandistas da raia con Portugal, aló polo tempo da ditadura, visitar unha lareira tradicional e lembrar, ou descubrir, como era a vida ao redor desta parte tan significativa das casas galegas antigas. 

Polo museo pasaron tamén exposicións temporais, como as cedidas polo CEIGA: “Aves de Galicia”, “A bolboreta monarca” ou “Morcegos de Galicia”; ou a exposición “Verín, enclave de gaita”, en colaboración coa Escola de Gaitas de Ourense e o Bispado de Ourense, na que se relacionaba a historia da gaita coa historia da humanidade e se destacaba a tradicional importancia deste instrumento na comarca.

Pero a súa actividade vai máis aló destacando a colaboración con centros educativos e institucións sociais, dando a coñecer a identidade comarcal do Val de Monterrei, ou a súa labor de divulgación a través das redes sociais e das súas Pezas do Mes, que periodicamente dan a coñecer e afondan na historia dunha das pezas que forman parte da súa exposición.

Aqueles interesados e interesadas en realizar a visita de xeito guiado poden pórse en contacto co museo a través do correo museodeverin@gmail.com .

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta