Coronavirus: O BNG pide o confinamento total en Madrid e paralizar máis actividades económicas

En Común e Bloque piden máis medidas para protexer as residencias de maiores.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/03/2020 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha serie de propostas para ampliar a declaración do estado de alarma fronte ao coronavirus que este mércores se vota na Cámara Baixa ata o punto de pechar as áreas xeográficas máis afectadas pola Covid-19, como Madrid ou Cataluña, e paralizar toda a actividade económica non esencial.

Un infectado de coronavirus nunha residencia de maiores sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario
Un infectado de coronavirus nunha residencia de maiores sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario | Fonte: © Miguel Núñez

O partido nacionalista xustifica o agravamento das medidas de illamento "desde a convicción de que para frear a expansión do contaxio é preciso tomar decisións valentes que xa tiñan que ser postas en marcha con anterioridade".

O BNG defende a paralización de toda actividade laboral non esencial, coa excepción das consideradas imprescindibles para afrontar a situación de emerxencia sanitaria.

E no caso das actividades laborais que deban continuar, reclama que as administracións públicas se aseguren de contar coas medidas de protección adecuadas para a súa desempeño, considerando prioritario "a subministración de medios ao persoal sanitario e aos traballadores e traballadoras dos servizos de atención a persoas maiores".

No que se refire a medidas de contención territoriais, Néstor Rego pide de novo o peche das áreas xeográficas con maior índice de contagios e, á súa vez, a blindaxe simultánea das zonas menos afectadas —como é o caso da Galicia—, cortando totalmente as comunicacións non esenciais de pasaxeiros tanto por vía aérea, marítima, ferroviaria e por estrada.

RESIDENCIAS DE MAIORES

A coalición Galicia en Común-Anova Mareas reclamou á Xunta que "medicalice" todas as residencias de maiores de Galicia, tanto as públicas como as privadas, en virtude das súas competenicas en Política Social.

"Fai falla actuar sen demora e reforzar de inmediato a dotación de persoal e medios, debidamente equipados e protexidos, para o coidado das persoas máis vulnerables que requiren dun maior esforzo médico e asistencial extremadamente agravado pola pandemia do Covid-19 que nos azouta", sinalou o secretario xeral de Podemos Galicia e deputado no Congreso, Antón Gómez-Reino.

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu este martes un plan "específico" para residencias de maiores, e dirixiuse á Xunta para reclamarlle que "exerza as súas competencias" nesta materia, en lugar de confrontar co Goberno central. Neste sentido, pediulles que se "coordinen" e aborden esta situación con extremas cautelas, posto que é un sector vulnerable.

Tamén a Marea Atlántica pediulle á Xunta que inicie un proceso de inspección "urxente" das residencias de maiores en Galicia, tanto públicas como privadas. Tras casos de persoas maiores mortas en varios destes centros no territorio español e detectados polo Exército, Marea Atlántica, que o cualifica como "un crime terrible cuxos responsables teñen que pagar", afirma que é necesario "actuar para garantir a saúde e seguridade dun colectivo tan vulnerable".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta