Sanidade prevé o pico para este fin de semana e que a curva empece a baixar nuns días

Sanidade lembra que en Galicia os profesionais infectados ata a data sitúanse nuns 125, entre médicos, persoal de enfermaría e outros, o que implica o 9% dos casos activos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2020 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade prevé para este fin de semana o pico do número de novos casos de infectados en Galicia e que a curva empece a baixar entre o sábado e o mércores, en función da evolución dos próximos días.

Así o manifestou, en declaracións a Europa Press a subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da Consellería de Sanidade, Xurxo Hervada, quen matizou, no entanto, que isto depende da evolución xa que os contaxios destes días se manifestan en entre "tres e seis" xornadas.

Por iso, incidiu en que "agora hai que extremar" as medidas de hixiene para "esa baixada de casos esperada" para a próxima semana e manter o illamento social porque estes días "son os de máxima transmisión".

Para a detección de casos axustada á realidade, Hervada fixo fincapé na necesidade de contar con test dispoñibles para realizar á poboación, cuxa "capacidade de resposta" depende do Ministerio de Sanidade, concretou. "Non sabemos se dentro de tres días teremos subministración ao mesmo ritmo e iso condiciona os datos", destacou.

TRANSMISIÓN AUTÓCTONA

En relación ao tipo de transmisión actual en Galicia, este experto destacou que "é autóctona", con algúns casos importados aínda, e se está "iniciando a fase de xeneralizada". Respecto diso, aclarou que xa van "varias xeracións de casos autóctonos" nas catro provincias galegas. Este tipo de transmisión destacou que supón "un terzo" do total de infectados detectados.

Pola súa banda, o médico preventivista do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) Antón Acevedo apuntou á existencia dun "número importante" de casos de persoas que viaxaron co Imserso no último mes a zonas do Levante, Cataluña e Comunidade Valenciana. Por iso, matizou, en declaracións a Europa Press, que a transmisión autóctona en Galicia "non é tan xeneralizada como noutras comunidades".

LETALIDADE

En relación á letalidade, Hervada subliñou que en Galicia representa un 1,6 por cento, o que a sitúa como unha cifra "baixa" con respecto a outras comunidades como Madrid. Iso supón, valorou, "un pequeno alivio".

Sobre este aspecto, o doutor Acevedo matizou que a porcentaxe en Galicia resulta "bastante baixa" porque se fan test máis xeneralizados para aflorar casos e outras comunidades "xa non fan estas mostras" salvo en casos graves. "Aquí detéctanse máis sobre o total de casos que existe", apostilou.

Preguntado a que obedece este dato baixo, Hervada incidiu en que, entre outras causas, pode obedecer á cantidade de infectados detectados porque "se se detectan máis, a letalidade é máis baixa", sinalou en relación a que noutras comunidades o test só se fan a casos graves e en Galicia a persoas con síntomas que tivesen contacto con infectados.

PERSOAL SANITARIO

Sanidade lembrou que en Galicia os profesionais infectados ata a data sitúanse nuns 125, entre médicos, persoal de enfermaría e outros, o que implica o 9% dos casos activos.

Respecto diso, Xurxo Hervada incidiu en que se traballa para "minimizar" as "exposicións de risco" dos profesionais sanitarios ao virus, para o que se usan máscaras e equipos de protección. Sobre a dispoñibilidade de EPIs destacou que Galicia está "en mellor situación que outras comunidades".

Tamén lembrou que o Sergas estableceu quendas nos seus plans de continxencia para que, sobre en todo nas unidades de críticos, haxa "diferentes equipos que teñan a menor relación" entre eles, ao que se suman as rotacións horarias "para que non coincidan".

EXTREMAR A HIXIENE

Hervada insistiu na importancia de extremar a hixiene de mans, sobre todo, nos próximos días. Preguntado sobre se hai que desinfectar a compra ou produtos farmacéuticos ao chegar ao domicilio, asegurou que non é necesario máis aló que refugar a bolsa se non é reutilizable ou deixala apartada para usala só para a compra se o é.

Así mesmo, este experto en epidemioloxía resaltou que despois da manipulación de todo iso se deben "lavar as mans" seguindo as indicacións dos sanitarios. Nesta liña, o doutor Acevedo resaltou a importancia de "manter de forma intensa" as medidas de confinamento, en especial unha vez pasado o pico porque, advirte, "se se rebaixase" pode haber "un segundo pico de infección".

Con todo, Xurxo Hervada enviou unha "mensaxe de grazas por gardar o confinamento" á poboación e "de ánimo" porque "isto vai pasar seguro". "As medidas funcionan e todos debemos contribuír a que teñan efecto", sentenciou. "Todos podemos contribuír a que a curva se aplane", concluíu.

Test realizado desde coche no Hospital Meixoeiro de Vigo para a detección do coronavirus COVID-19
Test realizado desde coche no Hospital Meixoeiro de Vigo para a detección do coronavirus COVID-19 | Fonte: © Miguel Núñez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta