Feijóo anuncia máis contratos de profesionais sanitarios e a compra de novo material e a oposición recórdalle os recortes

O presidente constata "dificultades" para adquirir os tests de coronavirus e volve arremeter contra o Goberno central e a súa xestión do material.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2020 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Fejóo, anunciou que o seu Executivo autorizará na súa reunión deste venres a publicación dunha nova orde para ampliar os contratos de persoal na última fase de formación: 145 facultativos máis doutras especialidades que poden contribuír na loita contra o coronavirus —médicos, farmacéuticos, psicólogos e radiofísicos—, ademais de 22 enfermeiros.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reúnese por videoconferencia co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o resto de titulares autonómicos
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reúnese por videoconferencia co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o resto de titulares autonómicos | Fonte: Xunta.

Este proceso sumarase á orde publicada no Diario Oficial de Galicia na pasada xornada e que permitirá ampliar desde o 1 de abril os contratos de 160 médicos residentes e 31 enfermeiros especialistas residentes, que están no seu último ano de formación.

Trasladouno durante a súa comparecencia na Deputación Permanente do Parlamento, onde precisou que entre os dous procesos pecharase o contrato de 358 profesionais, que se sumarán aos máis de 39.000 que xa ten o persoal do Servizo Galego de Saúde (Sergas)

"Nunca antes houbo máis profesionais no Sergas e agora aínda haberá máis", sentenciou o presidente galego, nunha sesión na que a oposición, en fronte, afeoulle "recortes" na sanidade pública baixo o seu mandato. Pola súa banda, Feijóo subliñou que, coa nova incorporación, o investimento en persoal anual é de 22,3 millóns de euros.

Ademais do reforzo de persoal, Feijóo anunciou tamén un reforzo en material e equipamento, con novas contratacións por importe de 7 millóns de euros, para abonar parte do material adquirido —e que está "a empezar a chegar", aínda que sobre todo o fará a fin de semana— e para autorizar máis: máscaras cirúrxicas e respiratorias, batas de alta protección, botellas de solución desinfectante e "todos o test que se poidan conseguir".

ACCIÓNS CONTRADITORIAS "DOUTRAS ADMINISTRACIÓNS"

Feijóo remarcou en varias ocasións, durante a súa intervención, que a Xunta adquirirá "todos os tests que se poidan conseguir", "de todas as casas" e de todas as "referencias", á vez que incidiu nas "dificultades" coas que se está atopando o servizo de saúde galego para conseguir material, sobre todo tests.

Máis tarde, incidiu en que a oposición non lle pode pedir que haxa tests masivos nas residencias da terceira idade —cuestión que, admitiu, sería favorable— cando "hai que andar presionando ás multinacionais farmacéuticas para conseguir tests todas as noites".

"E non quero entrar en decisións doutras administracións públicas porque por unha banda se di que se pode comprar, pero doutra banda danse instrucións aos que poden vender. Este asunto hai que tratalo con rigor, con independencia de que se fale de todo cando isto pase", esgrimiu o presidente galego.

Así, volveu arremeter contra o Goberno central pola xestión do material e a decisión inicial de centralizar a compra do mesmo por parte do Ministerio de Sanidade. Unha decisión que "paralizou os pedidos das comunidades" —dixo o presidente galego— durante "máis dunha semana". Feijóo incidiu en que é o seu deber

"NON TEMOS MATERIAL GARANTIDO POLO MINISTERIO"

"Non temos material garantido polo Ministerio", insistiu o presidente, quen asegurou que os seus compañeiros do resto de autonomías opinan o mesmo e precisou que el "discute" a decisión de tentar centralizar esa compra por parte dunha Administración que habitualmente "só xestiona os hospitais de Ceuta e Melilla", e que non ten "a suficiente infraestrutura loxística".

"É unha postura razoable, non crea que imos expor máis problemas, pero vostedes non me perdoarían que estivese calado ante a ausencia de material", esgrimiu Feijóo, a quen non lle parece "de recibo" que se critique á Xunta por non enviar material aos municipios —dixo que si se remitiu— mentres o Goberno "non é capaz de fornecer" ás forzas de seguridade e ha ejemplificado con algún caso en Galicia.

OS USUARIOS DE RESIDENCIAS INFECTADOS "CRECERÁN"

Na súa intervención, Feijóo tamén reivindicou a necesidade de material para os traballadores de residencias de maiores e remarcou o que lles trasladou a Xunta, así como a habilitación de dúas residencias integradas nas que os usuarios de centros da terceira idade con patoloxías complexas poidan ter un seguimento máis medicalizado.

A este respecto, reiterou que "se poderán habilitar novas residencias integradas" se o protocolo clínico o aconsella, e tamén lembrou que, cando os maiores destas residencias integradas teñan un cadro que o esixa, serán hospitalizados.

Ao tempo, volveu trasladar "unha mensaxe de confianza" nos xestores e traballadores destes centros, para dicir que non se pode "xeneralizar" determinadas condutas preocupantes que transcenderon en días pasados. Por parte da Xunta, sinalou que "antes e agora" estivo e estará "vixiante" e denunciará calquera actitude "anómala".

Dito isto, avanzou que as cifras de usuarios de residencias da terceira idade infectados "crecerán", como tamén o farán os contaxios fóra. Polo momento, iso si, advertiu que a porcentaxe de infectados neste tipo de centros da terceira idade "non chega ao 1% do total dos usuarios". "Os profesionais das residencias están a facer un bo traballo, esforzándose ao máximo", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 anonimo 2

Compra material sanitário...para logo regalá-lo a comunidade de Madrid! Solidariedade dos nossos dias, uma comunidade como a nossa, desprezada na capital dia sim e dia também, vamos e lhe financiamos seus recursos sanitários...sendo um paraíso fiscal consentido dentro do estado, e se alguém tem dúvida que pergunte quanto pagarom os herdeiros de Emilio Botin e o compare com o que pagamos os galegos pela casa dos pais (que nunca forom de vacações)

1 Gamela

Certo, moi certo e Paloma Botín está calada coma un peto ... Sería ben lembrarlle a súa ausencia total de solidariedade coa nosa Galicia, logo roubar os depósitos do Banco Pastor (reconvertido en Banco Popular grazas ao sobriño da Condesa de Fenosa!) e mercar por 1 Euro os aforros de miles de galegos! ABANCA polo menos anda a regalar UCIs portátiles (claro que 15 UCIs por 8.000 Millóns, sea a cousa un chisco cara!)