Impacto económico do coronavirus: os traballadores afectados por ERTE en Galicia son xa case 125.000

Galicia rexistra un total de 23.651 Expedientes de Regulación Temporal de Emprego. A frota galega urxe axudas para poder faenar e non verse abocada a un amarre masivo que cause desabastecemento. Commcenter, distribuidor independente de Movistar, presenta un ERTE para o 74% do seu persoal. Indra, con 1.400 empregados en Galicia, tamén anuncia un ERTE para parte do persoal e rebaixas de soldos. O Goberno prohibe por lei os despedimentos por forza maior e causas obxectivas. Abanca, pola súa banda, formaliza as primeiras operacións de financiamento co aval do Estado para paliar a crise.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2020 | Actualizada ás 15:46

Comparte esta noticia

Galicia rexistra un total de 23.651 Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), con 124.918 traballadores afectados, segundo os datos da Xunta deste venres.

Operarios de pintura da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo
Operarios de pintura da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo | Fonte: Víctor Cameselle - Europa Press.

Respecto das cifras do xoves, os ERTE increméntanse un 12,7%, mentres que os traballadores inmersos nesta situación elévanse un 11,3% en 24 horas.

A provincia de Pontevedra segue á cabeza en cifras de traballadores afectados, con 49.770, e un total de 7.929 ERTE. Séguelle A Coruña, 41.783 con traballadores e a maior cifra de expedientes, 9.100.

En cambio, Lugo é a provincia galega con menor número de traballadores en expedientes de regulación, pois conta con 9.932 en 2.954 ERTE. Ourense rexistra 11.807 empregados en 2.948 expedientes.

ERTE EN INDRA

Indra comunicou este venres á representación legal dos traballadores en España o inicio do procedemento dunha serie de medidas temporais, como un ERTE para unha parte do persoal e unha rebaixa de soldo para o resto, coas que busca facer fronte ao impacto negativo do Covid-19 nos seus ingresos, de cara "a garantir as súas capacidades, a súa orientación ao crecemento e o mantemento de emprego cando a economía se recupere e a situación retorne á normalidade".

Respecto diso, a CIG sinalou nun comunicado que en Galicia hai máis de 1.400 empregados que traballan para Indra Produción de Software e Indra Soluciones Tecnologías de la Información. O sindicato censura que a compañía aplique un expediente de regulación "a pesar de ter ao 80% do seu persoal teletraballando" e utilice unha emerxencia sanitaria para "sacar máis beneficio" e aplicar "un recorte brutal de salarios".

Nun comunicado, Indra considera "moi importante" preservar todo o emprego e as súas capacidades para o futuro e, por iso, expuxo estas medidas temporais que permiten mitigar os impactos do Covid-19 "para que non condicionen o futuro da compañía e así preservar o emprego e as capacidades, evitando ter que tomar decisións máis drásticas no futuro, que si comprometerían a recuperación da compañía e afectarían o emprego e as capacidades de Indra".

A compañía destaca que estas medidas teñen "un alto compoñente equitativo" e, con elas, tenta "minimizar o impacto no conxunto dos seus profesionais en España", ao supor a distribución da carga entre todos eles, independentemente de que os efectos do Covid-19 non sexan iguais en todas as áreas de actividade.

O Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) proposto afectaría a unha parte do persoal en España e comezaríase a aplicar gradualmente en función das necesidades, con pesos distintos nas diferentes áreas do grupo. O ERTE sería maioritariamente na modalidade de redución de xornada.

ERTE NO DISTRIBUIDOR INDEPENDENTE DE MOVISTAR

O distribuidor independente de Movistar, a compañía coruñesa CommCenter, presentou un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) para o 74% do seu persoal en España polo impacto na súa actividade das medidas para frear a expansión do brote de coronavirus.

Nun comunicado remitido ao Mercado Alternativo Bolsista (MAB), Commcenter informa de que, ante os actuais acontecementos, presentou este xoves un ERTE "por causa de forza maior" como "medida de reforzo para manter a estabilidade no nivel de emprego".

Este ERTE, que é conforme ao Real Decreto-lei 8/2020, de 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do Covid-19, afecta o persoal de tenda e parte dos servizos centrais e representa o 74% do persoal total do grupo en España, que se achega aos 450 traballadores.

OPERACIÓNS DE FINANCIAMENTO DE ABANCA

Abanca formalizou este venres as primeiras operacións de financiamento co aval do Estado orientadas a empresas e autónomos para que fagan fronte ás consecuencias provocadas polas crises do coronavirus.

Nun comunicado, a entidade financeira que dirixe Juan Carlos Escotet informa que, despois do anunciado do plan de avais efectuado polo Goberno central o pasado martes, iniciou un proceso para adaptarse e dotar de "máxima axilidade" a tramitación destas operacións.

Trátase de préstamos de ata cinco anos de prazo, con posibilidade de carencia de amortización e intereses, e con garantía do ICO fixada en función do importe da operación e o tamaño da empresa.

Así, traballa na liña de poder resolver a maioría delas nun prazo de 24 horas e sen necesidade de intervención notarial naquelas cuxo importe non supere os 100.000 euros.

Segundo detalla, prioriza as solicitudes procedentes nas últimas dúas semanas de pemes, empresas, negocios e autónomos, colectivos para os que está pensado o plan de axuda.

Con todo, o banco indica que mantén "estreitos contactos" co conxunto da súa base de clientes nestes ámbitos "para coñecer e xestionar anticipadamente as necesidades dos sectores máis afectados polo COVID-19".

O GOBERNO PROHIBE OS DESPEDIMENTOS

O Consello de Ministros aprobou este venres prohibir por lei o despedimento por forza maior e por causas económicas, organizativas, técnicas e de produción, segundo anunciou a ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, que precisou que esta medida se articulará a través dunha cláusula que impedirá despedir nun "elenco moi importante de supostos".

A ministra explicou que esta prohibición, que terá vixencia desde hoxe e non terá efectos retroactivos, implántase porque xa se deu ás empresas un mecanismo excepcional como son os expedientes de regulación de emprego temporal (ERTE) para realizar os axustes temporais pertinentes durante a crise sanitaria sen destruír postos de traballo.

"Ninguén pode aproveitarse desta crise para despedir", salientou a ministra, que sinalou que as empresas non deben extinguir tampouco contratos temporais, senón interrompelos, pois a crise é só unha paréntese que acabará pasando.

A ministra indicou que, á marxe desta prohibición, en caso de impugnacións ante a Xustiza, serán os tribunais os que decidan a procedencia ou improcedencia dun despedimento. "Non hai que confundir as causas dun despedimento coa súa cualificación", indicou.

O Consello de Ministros tamén aprobou "revisar de oficio" todos os ERTEs que se están aprobando estes días de forma que, se a posteriori se observa algún tipo de fraude, obrigarase ás empresas a devolver "ata o último céntimo de euro" do que se beneficiaron, incluíndo as prestacións por desemprego dos traballadores afectados, subliñou Díaz, que engadiu que isto fai que non sexa necesario endurecer o silencio administrativo.

Así mesmo, o Goberno acordou introducir a presunción legal de estar en alta no desemprego para axilizar a percepción da prestación. A ministra explicou que de primeiras se recoñecerá a prestación e, no caso de que o beneficiario teña fillos, pagaráselle o complemento correspondente (cun fillo a prestación máxima é de 1.254 euros ao mes e con dous supéranse os 1.400 euros).

O SECTOR EÓLICO REDUCE A ACTIVIDADE

A Asociación Eólica de Galicia (EGA) informou este venres de que as empresas do sector extremaron " as medidas cautelares e preventivas" contra o contaxio por COVID-19, reducindo "ao mínimo" o mantemento dos parques e atendendo só incidencias urxentes. No entanto, precisaron, a subministración está garantido nas condicións propias desta tecnoloxía que produce máis do 40% do consumo eléctrico galego, segundo destaca EGA.

Seguindo os protocolos activados, os traballadores "só realizan as tarefas de mantemento absolutamente necesarias e que impliquen o mínimo contacto" entre eles, usando a indumentaria pertinente. Así mesmo, as reunións de seguridade e de programación, sempre á primeira hora da mañá, realízanse a través de sistemas dixitais para evitar o contacto, e todo o persoal administrativo traballa desde as súas casas por vía telemática.

A maiores, como prevención, planificouse a identificación de persoal crítico e plan de substitucións para posibles contaxios e corentenas, así como a práctica de nebulizacións e limpeza de superficies para desinfección en edificios de control e almacéns dos parques.

PESCA

A frota galega reclama que se destinen axudas para poder saír a faenar ante a caída de vendas e prezos durante o estado de alarma, co fin de que non haxa que recorrer a un ERTE masivo e non se produza un desabastecemento dos mercados.

O responsable das confrarías da provincia da Coruña, Daniel Formoso, admite que "non é bo" desabastecer os mercados, pero a frota "non pode aguantar" esta situación, polo que moitos barcos avalían suspender a actividade xa que non poden permitirse faenar para ter perdas. Ante esta problemática, ven necesaria unha "compensación" co fin de poder saír ao mar.

Aínda que polo momento non ten coñecemento de presentación de ERTE en confrarías na provincia, sinala que barcos dos depósitos do norte da provincia comezaron a amarrar. A isto súmase que se prevé que este mesmo venres se poidan acabar as toneladas previstas para pesca dirixida de caballa na Coruña.

Tamén chama a atención sobre que, pese ao esborralle de prezos, ese descenso non chega ao consumidor, pois "como sempre" o intermediario queda "coa parte máis grande" do beneficio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta