Feijóo contrario a que se pare a actividade da construción

"Sería unha decisión incorrecta", asegura. "Non hai que alarmar máis aínda en pleno estado de alarma", asegura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2020 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que "parar toda a construción" de España con "carácter xeral" sería unha "decisión incorrecta" e apostou por manter esta actividade coas medidas de seguridade e saúde adecuadas.

O máximo mandatario autonómico pronunciouse deste xeito ao ser preguntado pola posibilidade de paralización da actividade deste sector por parte do Goberno do Estado no marco da loita contra a pandemia do coronavirus.

"Con carácter xeral parar toda a construción no noso país entendo que é unha decisión incorrecta. Iso si, a que se manteña ten que ser de acordo cos criterios de seguridade e saúde laboral da empresa, dentro do contexto do criterio de seguridade e saúde laboral que marcou o Goberno", argumentou.

Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu goberno, Feijóo apelou a non "alarmar máis aínda" en pleno estado de alarma e subliñou que os actuais criterios de actividades económicas permitidas parécenlle "con carácter xeral correctos".

"Na construción, se se manteñen distancias dun metro e medio entre operarios, entendo que deberían tentar manter a actividade", sostivo Feijóo, que asegurou que "cuestión distinta" é que haxa operarios traballando tarefas "moi xuntos" ou que haxa traballadores "de idade avanzada" e "con patoloxías de base". "A eses operarios o lóxico é que o equipo de seguridade os afasten do traballo ordinario", indicou.

"A clave, como en toda a actividade económica, é a distancia entre as persoas que están a traballar e o propio estado de saúde das persoas que seguen tentando manter unha chama acesa da economía española", sinalou.

Operarios, traballadores, obreiros, obra, construción, gabia
Operarios, traballadores, obreiros, obra, construción, gabia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta