Condenan un home a 100 días de cárcere por incumprir o confinamento varias veces

O home de 47 anos, veciño de Vilagarcía, foi denunciado en catro ocasiones por abandonar o seu domicilio sen xustificación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2020 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

Un veciño de Vilagarcía de Arousa de 47 anos foi condenado a cen días de cárcere por un delito de desobediencia ao incumprir de forma reiterada a orde de confinamento que existe en todo o territorio español desde a madrugada do 15 de marzo, cando foi declarado o Estado de Alarma para combater a pandemia de coronavirus.

Nunha sentenza emitida este venres 27 de marzo tras a celebración dun xuízo rápido, o Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa impuxo a sanción de cen días de prisión para un home que foi interceptado na tarde do xoves mentres saía da súa casa sen motivo aparente.

Con todo, a xuíza ordenou a suspensión da pena por un período de tres anos, polo que o condenado --que mostrou conformidade e non presentará recurso-- non deberá ingresar no cárcere se non delinque durante ese tempo.

O home foi interceptado ás 18,30 horas do pasado xoves no portal do seu edificio por axentes da Policía Nacional, que formularon unha denuncia administrativa por incumprimento da orde de confinamento.

A do xoves converteuse na cuarta vez que este veciño de Vilagarcía de 47 anos era proposto para sanción polo mesmo motivo desde a declaración do Estado de Alarma.

Na súa sentenza, a titular do Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía manifesta que o condenado actuou "a propósito da vixencia do estado de alarma no territorio nacional, con absoluto menosprezo á limitación da liberdade de circulación que fora imposta e sen causa xustificada".

Coche Policía Nacional. EUROPA PRESS
Coche Policía Nacional. EUROPA PRESS | Fonte: ARQUIVO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta