GC Aberto

O outro "virus"

A pandemia do Covid-19 sitúanos nunha encrucillada sen precedentes en “tempos de paz”, que fará variar no substancial o formato do actual sistema e deixará unha fonda pegada no conxunto da sociedade, cuxos efectos se recruarán de seguir utilizando o virus neoliberal como antídoto.

Por galdo1950 (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/) | GC ABERTO | 07/04/2020

Comparte esta noticia

Manifestación a prol da Sanidade Pública en Santiago
Manifestación a prol da Sanidade Pública en Santiago

Desde que entramos  na Unión Europea  foi incesante  o bombardeo  publicitario sobre as bondades que reportaba a pertenza  a este  ámbito xeopolítico,  ata o punto de facernos crer que dispoñía de capacidade sobrada  para neutralizar a primacía  militar  e económica  que representan China e EE. UU;  cando lonxe de ser certo  a evidencia  veu indicar  que  se trataba  tan só dunha unidade de  desavidos. 

 

Tal é así que  pasados 60 anos desde a súa fundación e 72 anos desde o fin da II Guerra Mundial, aquela alianza  constituída  co obxectivo  de lograr  unha paz  perdurábel  en Europa e  cohesionar  un bloque  político e social a través do fortalecemento dos países membro, a UE pasa pola peor  etapa   da  súa historia, ata o extremo que na actualidade  non é máis que    un Sansón co pelo rapado, unha imaxe oposta   ao potente  xigante que se nos tenta vender.

 

O fracaso do proxecto da Eurozona consumouse iniciada  a década dos  oitenta, cando se aplicaron as políticas neoliberais coa creación do euro, pois a partir de entón, o dogma neoliberal é quen domina ao completo  as políticas dos gobernos, e é aí onde radica o problema, que se fai máis intenso  naqueles países onde foi aplicado con maior  severidade e crueza.

 

Que ninguén pense por tanto  que a actitude do neoliberalismo ante a  pandemia do  Covid-19 vai ser distinta  á mantida ante a crise  iniciada no 2008, pois a pesar dos perniciosos efectos que induciu a xestión daquel transo  no  benestar xeral, a actitude  que mantén a Unión Europea diante da nova eventualidade  segue sendo a dun   armazón burocrático disposto a manter ex profeso  a ortodoxia económica  ultraliberal sen que lles preocupen  o máis mínimo   os  efectos colaterais do seu impacto.

 

Coa xente confinada  e sen trazas por tanto  dunha reacción popular, todo vén indicar que diante do coroa virus  a Unión Europea comandada polo neoliberalismo  manterá idéntica  tónica  e non se poñerá  ao servizo dos afectados ao nivel que require a situación, polo menos iso é o que expresa  o naufraxio do cume  dos  ministros de Economía do euro á hora de acordar unha resposta conxunta ante  a praga  vírica, e  iso a pesar que entre outros prexuízos foi o  austericidio neoliberal cos seus recortes o responsable do enfraquecemento  sanitario que actualmente  se advirte.

 

Usando a estabilidade como  escusa  desmantelaron en gran medida todo aquilo que tiña que ver coa sanidade pública ,  finiquitando  camas de hospital, pechando baixo sete chaves plantas enteiras  , ao tempo de amortizar  as prazas do persoal sanitario público que xubilaron, mentres  en paralelo  atomizaban as listas de espera  ata extremos de provocar a desatención preventiva, sen que a xulgar polos  feitos  albísquese intención algunha en cambiar o paradigma vixente desde a crise pasada, en tanto, seguen  multiplicándose  os contaxios e os falecidos e cando isto ocorre,  cando non se antepon o dereito á vida a calquera outra consideración, posibilitando  de facto que o goberno das finanzas  destrúa a “Europa social”, resulta obvio que diante tal tesitura a continuidade do noso país nese club é cando menos unha  incoherencia fatal.

 

Debemos  ter moi presente que  a Unión Europea que agora está nunha situación extrema  se resiste a emitir a contía necesaria de “coroa-bonos”  cos que poder  mitigar o impacto económico-social inducido  pola pandemia do  Covid-19, non só é a mesma institución que referendou o rescate bancario con fondos  públicos, senón tamén, a que  mensualmente  habilita decenas de miles de millóns de euros para a súa dación ás entidades financeiras.

A total ausencia de dirección colexiada  e carencia de cohesión  ante esta calamidade   vírica,  indica sen erro a equivocación que estamos  no principio do fin do futuro da Unión, que ao ser invadida na súa estrutura funcional  polo  neoliberalismo,  pasou a manobrar  como  un mercado planificado para beneficio exclusivo das  elites  transnacionais-financeiras do capital. 

 

E se cando diante ante unha  catástrofe de semellante envergadura se reafirman na  insolidariedade especulativa non cabe máis tolerancia  que proceder en consecuencia e en defensa do interese xeral investir o tándem privatización de beneficios  – socialización de perdas, coa responsable  determinación de poñer punto final á función  xerárquica  que ostenta o “neoliberalismo” no goberno da UE. 

 

De non proceder  nesa dirección, máis aló  das vítimas que queden polo camiño,   a traxedia social irá acompañada  de seguro   dunha desfeita  económica sen precedentes, con grave convulsión social, que traerá consigo unha hecatombe  sen paliativos que  dexenerará de forma extrema  en perxuicio das   condicións de vida da cidadanía.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Si pero non... Mezclar churras con merinas é complicado ! Admitindo que as políticas neoliberais son fonte de DESIGUALDADE brutal e de marxinación das capas sociais máis desfavorecidas ! ¿Dime se che gostaría vivir en China ou en EUA? En calquera caso, ser traballador esencial na UE mesmo en tempos de COVID19 é ben distinto a ser Empresario no Reino de Marrocos ! (só por poñer un país veciño que non forma parte da Eurozona!) Claro que poderíamos sair desta reforzados: atreverse a implementar unha Renda Básica Universal (e non esa miseria chamada Mínimo Vital de Emerxencia! Rentas para pobres!) podería supoñer unha auténtica REVOLUCIÓN económica e social ! Pero iso non é o que está argallando o Señorito Pedro Sánchez (para a nosa desgraza!) Camiñar cara un Estado Autoritario coa desculpa da pandemia (eso xa non cola nin dentro nin fóra do Euro!)