Galicia aumenta os casos activos de coronavirus con 2.627 afectados e 95 altas

O número de diagnósticos de coronavirus en Galicia aumenta un 18,8% con respecto do pasado venres mentres que o número de falecidos é de 50 na nosa comunidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2020 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

O número de diagnósticos de coronavirus en Galicia aumenta cada día e este sábado rexistráronse un total de 2.627 afectados, un 18,8% máis que o pasado venres; á vez que xa son 95 as persoas que foron dadas de alta, 28 desde o último boletín de actualización do venres.

Destas cifras informou este sábado a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, que a esta hora contabiliza 2.627 casos en activo: 633 na área de Vigo, 597 na Coruña, 454 en Santiago, 371 en Ourense, 290 en Pontevedra, 219 en Lugo e 63 en Ferrol.

O aumento de persoas contaxiadas do venres ao sábado é de 416, mentres que o crecemento que se deu do xoves ao venres era de 379 diagnósticos. Isto supón que o número de novos contagios por día aumentou un 9,7%.

Ademais, tamén se contabilizan 95 persoas dadas de alta, 28 máis que o venres (67) e 48 máis que o xoves, cando se rexistraban 47 altas. Esta cifra positiva e con tendencia á alza, contraponse á do número de falecidos que xa alcanzou o medio centenar en Galicia, sete durante a pasada xornada.

Desta maneira, o número total de persoas que sofren ou sufriron coronavirus na Comunidade sitúase nos 2.772 (o dato acumulado que reflicten as estatísticas do Ministerio de Sanidade). Así, a Comunidade galega representa o 3,83 por cento do total rexistrado en toda a Península, que contabiliza 72.248 persoas.

110 PACIENTES EN UCI

Por outra banda, a Consellería de Sanidade precisou que do total de pacientes positivos activos, 110 permanecen na UCI (+12 respecto ao venres), 652 están en unidades de hospitalización (+96) e 1.865 son atendidos a domicilio (+308).

Ademais, realizáronse un total de 12.885 probas para detectar conoravirus, 2.365 máis que as que se realizaron o venres, segundo os datos facilitados pola Xunta.

061 SÓ PARA EMERXENCIAS

O Goberno galego destaca que continúa traballando desde a "máxima coordinación interdepartamental" e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste sentido, reitera que segue alerta, actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Sanidade apelou á cidadanía a empregar o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Ademais, lembrou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.gal), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Teléfonos de atención do coronavirus en Galicia
Teléfonos de atención do coronavirus en Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta