Traballadoras das residencias: "Estamos asqueadas, indignadas e, sobre todo, asustadas"

"O estado de emerxencia non nos pode quitar dereitos", fala Mar Peteira, do comité de empresa dun centro de maiores de Compostela. Os casos positivos suman xa máis de 300 en toda Galicia e as traballadoras rescatan da memoria aqueles primeiros días en que as tachaban de histéricas por pedir protección.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Ao comezo de todo isto, cando o persoal dos centros pediamos por favor material para protexernos, a dirección ríase de nós, dicíanos que eramos unhas histéricas, unhas tolas". Mar Peteira, presidenta do comité de empresa da residencia de maiores Volta do Castro, en Santiago de Compostela, retrocede no tempo unhas poucas semanas. Daquela o coronavirus aínda non golpeara os centros da terceira idade, mais as traballadoras sabían o que lles viría enriba se non se adoptaba unha actitude preventiva.

Un operario con traxe de desinfeccion na Residencia de anciáns San Carlos de Celanova en Ourense -foco principal de contaxios do Covid-19 ata agora na provincia galega- en Celanova (Ourense, Galicia, España), a 24 de marzo de 2020.. Rosa Veiga - Europa Press
Un operario con traxe de desinfeccion na Residencia de anciáns San Carlos de Celanova en Ourense -foco principal de contaxios do Covid-19 ata agora na provincia galega- en Celanova (Ourense, Galicia, España), a 24 de marzo de 2020.. Rosa Veiga - Europa Press

Lonxe de facelo, e aínda por riba de non equipar o persoal de equipos de protección, as direccións "dedicáronse a requisar o material que había dispoñible para que non se utilizara; ata hai nada prohibían poñer máscaras". Só cando comezaron os primeiros contaxios en residencias, "víronlle as orellas ao lobo" e subministraron material, "escaso e nalgún caso de vergoña", matiza Peteira. "Estamos asqueadas, indignadas, e sobre todo, asustadas".

A estas alturas da epidemia, atallar o problema esixe do triplo de esforzos. As cifras de persoas maiores e persoal infectado en residencias soben cada día. Segundo os últimos datos da Consellería de Política Social, son xa 315 os casos activos en centros residenciais (235 usuarios e 80 traballadores) e o maior foco segue sendo a DomusVi Barreiro de Vigo, con 74 infectados.

"UN CAOS"

"A xente lévao fatal, en cada momento danche unhas instrucións diferentes", conta Mar, que define a situación como un "total e completo caos". Agora, as traballadoras da residencia Volta do Castro contan con máscaras que poden cambiar diariamente, mais hai outros centros nos que se ven obrigados a reutilizar durante varios días os equipos de protección individual. Mar Peteira é crítica tamén coas medidas de desinfección levadas a cabo por parte do exército, ás que considera unha "pantalla" e unha "campaña publicitaria". "Desinfectan agora? E ata o de agora que?", di como denuncia á falta de prevención.

Traballadora do xeriátrico de Barreiro © Miguel Nuñez
Traballadora do xeriátrico de Barreiro © Miguel Nuñez

Ao seu ver, as visitas aos centros de maiores deberían terse impedido moito antes do día 17 de marzo, cando aínda se permitían entradas de familiares nas residencias. Nese mesmo momento, cumpriría desinfectar todas as estancias, e xa logo, equipar con material de protección ao persoal e realizar probas masivas de detección da Covid-19 para saber a situación á que se enfrontaban e seguir tomando medidas. 

Mar Peteira lembra que moitas das traballadoras son grupo de risco e "seguen facendo quendas". Lembra tamén que a carga de traballo nestes días é moito maior. "Tes que facer o mesmo número de residentes, nas mesmas horas, pero cunhas medidas que non se tomaban en estado normal". Ademais, as baixas, "posiblemente polo estrés desta situación", acumúlanse nas residencias, que non ven reforzado o seu cadro de persoal. "A semana pasada había dúas traballadoras abrazadas e chorando no corredor", denuncia Mar. "A xente ten medo, estamos temblando esperando que apareza un positivo".

"NON CONTAN CON NÓS CANDO DECIDEN"

Sobre a medida establecida pola Xunta de Galicia para xestionar os casos positivos dos centros de maiores, que implica a concentración destes usuarios enfermos en dúas únicas residencias - unha en Ourense e outra en Santiago -, Mar Peteira adverte que as instalacións non son as adecuadas para albergar camas hospitalarias e para atender os pacientes. "Non me parece de recibo cando hai hospitais que están en desuso", critica. "Van encerrar aí durante sete días á semana, 12 horas ao día, a xerocultores e persoal da limpeza con persoas contaxiadas. Que corpo aguanta iso?".

"Tomaron todas estas decisións e non contaron co comité de empresa, nin cos traballadores nin con ninguén. Fan o que queren e pasan toda a lexislación polo forro", denuncia a presidenta do comité, que esixe o respecto dos dereitos dos traballadores: "O estado de emerxencia non nos pode quitar dereitos. Entendemos que é unha situación excepcional, pero están deixando de lado ao persoal con patoloxías, as familias monoparentais... que seguen indo traballar".

Co gallo de salvagardar, pois, estes dereitos dos empregados, Mar Peteira pide, ante as iniciativas de saír aplaudir aos balcóns, que a cidadanía sexa tamén consciente do que vota nas eleccións. "Moitos dos que aplauden son xusto os que recortaron, os que pecharon plantas hospitalarias e os que nos baixaron o soldo. Parece que se estean rindo dunha", comenta. "A xestión improvisada desta crise é consecuencia dos recortes de todos estes anos".

COMO VIVEN ESTA SITUACIÓN AS PERSOAS MAIORES?

Tamén para os propios usuarios das residencias se está facendo costa arriba esta crise sanitaria xerada polo coronavirus. Durante todo este tempo non reciben as visitas dos seus familiares e teñen restrinxida a mobilidade dentro dos propios centros. Non é sinxelo, a esas alturas da vida, asimilar unha situación deste calibre. "Custa moito traballo facerlles entender que non poden saír, que non poden deambular... Andan por todo, tocan todo, comen todo... Moitas veces é imposible", relata Mar. A maior parte deles son persoas con alzheimer ou outras patoloxías de tipo mental. "Pásano mal", conta a traballadora. "Chámanos por teléfono, pero non é o mesmo".

ATENCIÓN A DOMICILIO

Disto tamén saben ben as traballadoras que atenden as persoas maiores nos seus propios fogares. O labor destas auxiliares, como Juanita ou Claudia, viuse igualmente alterado por mor da chegada do coronavirus. Moitas das familias déronse de baixa do servizo, mais hai algunhas casas que continúan solicitando estes coidados. Neste caso, os equipos de protección individual tamén andan escasos. Ao comezo da epidemia recibiron "guantes, unha camiseta, un pantalón e zapatos", relata Juanita, unha das coidadoras a domicilio.

Claudia, pola súa banda, conta que botaron a primeira semana sen máscaras. "Entras preocupada e saes preocupada dos domicilios, e unha vez rematas a túa xornada laboral entras preocupada na túa casa. Vés de estar en distintos fogares, de estar en contacto con outra xente, e unha vez que cruzas a túa porta tes que tomar medidas: desvestirte, descalzarte, ir correndo á ducha... E pouco máis podes facer", describe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

DomusVi en 2018 tivo 22 Millóns de beneficios antes de impostos! Dalgún sitio tiñan que sair as ganancias! Pero a estas alturas gostaríame facer unha comparativa entre estas Residencias Privadas e outras igualmente privadas-concertadas levadas por monxas ? Aínda non temos ningunha nova da Residencia Santa Marta de Alcabre (Vigo) Son as monxas do Asilio de toda a vida... aínda que tamén teñen externalizado algúns servizos...(?) Onde están os médicos de DomusVi? (están infectados dende o minuto un) ? Ou é que nin siquera había médicos reais nesas residencias? A comparativa podería ofrecer DATOS que permitiran destapar a ESTAFA desta empresa! Pero seguramente a pandemia levará os datos ao mesmo lugar que os corpos (á incineradora) !!!