Este é o vídeo que censurou a TVG por criticar os recortes de Feijóo e loubar aos sanitarios

A música rianxeira Sabela Galbán compuxo unha peza musical para un encargo da televisión pública, mais finalmente comunicáronlle que o seu traballo "escapaba dos contidos do programa". Segundo explica, fixo o vídeo "sendo consciente" de que non habían emitilo: nel lanza críticas directas á política do PPdeG e á "falta de liberdade" na TVG.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2020 | Actualizada ás 23:00

Comparte esta noticia

"Hai moitos anos que está a acontecer o que agora temos que lamentar; a sanidade galega está a morrer pero iso non nolo contan na TVG; non poden, non, contalo na TVG porque tamén aí meten a man". Así comeza a canción que dende a casa viña de compoñer a música Sabela Galbán para un encargo que lle fixera un programa da propia Televisión de Galicia. Nos primeiros minutos da peza, crítica coa política sanitaria do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a artista xa deixaba claro o consciente que era de que esa súa música non ía pasar o "filtro inquisitorial e censurador" da canle pública. 

Sabela Galbán, tocando a 'Muiñeira do Coronavirus' / Facebook Sabela Galbán tocando a 'Muiñeira do Coronavirus' / Facebook
Sabela Galbán, tocando a 'Muiñeira do Coronavirus' / Facebook Sabela Galbán tocando a 'Muiñeira do Coronavirus' / Facebook

E non se equivocou. De entrada, asegura Sabela, non tiña pensado responder ese encargo que lle fixeran dende a Televisión. "Xa me parecía un pouco cafre por parte da TVG que contactaran comigo para pedirme algo polo que en ningún momento me din que me vaian pagar", relata. Trátabase, xa que logo, dunha especie de colaboración - "non sabía que agora eran ONG", di Sabela retranqueira - que, de entrada, "mosqueou" á música: "Os artistas tamén temos que pagar facturas ao final do mes", lembra.

Por iso mesmo, Sabela Galbán, nun principio, non lles asegurou nada. Mais eses días foran moitas as noticias que, segundo ela, precisaban dunha resposta crítica: "producírase o discurso do rei, o tema dos aplausos a Amancio Ortega, varias declaracións de Feijóo... A miña cabeza non paraba!", recoñece Galbán. Así que decidiu coller de lápis e papel e escribir unha pequena peza na que saen temas como a sanidade pública, os recortes e a falta de medios, a liberdade de expresión... E cun retrouso ben potente: “Que aplauda Albertiño, como só ti sabes facer, coa hipocresía gravada na cara e un bo sorriso para quen te quer”. "Fixen ese vídeo sabendo que non ían publicalo. Era un encargo non pago, así que lle din a volta ao conto", explica.

Dende a dirección alegaron que a súa peza "escapaba dos contidos" habituais do programa e que por iso non entraría en escaleta. Fronte a este "lavado de mans", Sabela reivindica que "canta o que pensa" e que lle parece "terrible non ter unha televisión pública que poida informarnos con liberdade das cousas". Por que, ao seu parecer, "cando se perde a liberdade de información e de expresión, o pobo esmorece e morre". "É lastimoso", remata por dicir.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta