Feijóo, tras doar material a Madrid, recoñece que necesitará camas UCI e respiradores para o pico de abril

En Galicia só hai 700.000 máscara e están en camiño dous millóns de unidades das oito que prometeu Feijóo hai dúas semanas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/03/2020 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu que Galicia precisará máis camas UCI e máis respiradores para facer fronte a un aumento de casos do coronavirus que agarda que se produza a comezos de abril en Galicia.

Respiradores ou equipos de Respiración instalados nas UCIS para facer fronte ao coronavirus
Respiradores ou equipos de Respiración instalados nas UCIS para facer fronte ao coronavirus | Fonte: EFE

“Ao ritmo actual non van ser suficientes as 274 camas actuais. En abril van ser necesarias máis”, dixo o presidente galego nunha rolda de prensa virtual na que indicou que se agarda que o incremento de ingresos en cama continúe entre o 8, 10 e 12%. Un incremento que tampouco paliarán as 44 camas UCI que hai no conxunto dos hospitais privados de Galicia.

Neste sentido, e preguntado por Galicia Confidencial se ante este incremento de casos Galicia no vai precisar dos respiradores enviados a Madrid, Feijóo dixo que están agardando os 174 mercados en China. “Cando os embarquen no avión de Inditex xa iremos contando de cantos dispoñemos”, dixo. A estes hai que sumar os 150 adquiridos por Abanca e doados tamén á sanidade pública galega.  Con todo, evitou referirse a se vai reclamar os aparellos enviados á capital de España.

OUTRO MATERIAL

Con respecto ás oito millóns de máscaras que prometera que estarían en Galicia esta fin de semana, Feijóo dixo que, polo momento, só están en Galicia 700.000 unidades e outras dous millóns en camiño desde Zaragoza ata a central de Arteixo. Do resto, 5,3 millóns, agarda que cheguen pronto pero non puxo datas, a pesar de ter criticado nas últimas semanas ao Goberno central polo atraso de material.

“Seguirmos agardando por máis batas, máis EPIs, máis gafas de protección e tamén o máis buscado no mundo, respiradores e test”, dixo. “O envío de material está dentro das previsións iniciais. O único por concretar son os respiradores”, engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta