Coronavirus: sete positivos entre o persoal dos xulgados galegos

Os xulgados verán reducido o número de empregados públicos que deban acudir presencialmente aos seus postos de traballo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2020 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ten constancia de sete positivos por conoravirus entre xuíces, fiscais, letrados da administración de xustiza e funcionarios dos xulgados galegos, que verán reducido o número de empregados públicos que deban acudir presencialmente aos seus postos de traballo.

Medidas de protección nos xulgados e rexistros galegos contra o coronavirus.
Medidas de protección nos xulgados e rexistros galegos contra o coronavirus.

Así, a Comisión de Seguimento da crise sanitaria da COVID-19 informou este martes ao TSXG da orde do Ministerio de Xustiza aprobada o luns pola que se reducen o número de funcionarios que deben exercer as súas funcións de maneira presencial.

Deste xeito, haberá persoal presencial nos xulgados de garda dos 45 partidos xudiciais, nas fiscalías de menores, os xulgados exclusivos de Violencia sobre a Muller e nos rexistros civís, incluídos os xulgados de paz.

Tamén haberá unha persoa encargada do servizo de rexistro e repartición nos órganos onde xulgase de garda —Audiencias provinciais e TSXG—.

Para o resto de asuntos que sexan considerados esenciais, os xulgados ou tribunais que o necesiten terán a opción de solicitar a presenza do persoal funcionario, xa que estes están obrigados a permanecer localizables. Pola súa banda, as quendas de xuíces e letrados da administración non son modificados e continuarán como ata o momento.

Por último, a comisión tamén se referiu a a situación dos xulgados de violencia de xénero, onde se produciu un descenso no número de casos ingresados.

O TSXG lembra que estes órganos seguen funcionando con normalidade e non viron reducido o seu persoal debido á súa consideración como servizo esencial.

Así mesmo, Xunta e TSXG informan de que na última semana repartíronse 700 máscaras para o persoal do servizo de garda, servizos comúns de notificacións e embargos, xulgados de paz, servizos de atención ás vítimas e rexistros civís.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta