Humor na corentena con Alberte Montes

O actor, cómico e guionista escribe '#4 Cinco mil pezas' na súa sección 'CONFINAR FELIZ', un diario sobre o confinamento.

Por Alberte Montes | BARCELONA | 01/04/2020 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Eu xa levo vinte días pechado na casa. Vós? Pregunto porque como cadaquén di un número diferente. Hai quen leva dezanove e hai quen di que leva doce. DOCE? Pois botaches unha semana de cancaneo, campión. Sexan os que sexan, xa van sendo moitos. Dáme que de seguir así, cando chegue o Nadal ninguén dirá a mítica frase de “son datas para estar na casa coa familia”. Imos chegar alá fartos dunha cousa e da outra.

Alberte Montes.
Alberte Montes.

Pesan os días. Máis, agora que sabemos que pasaremos tamén o mes de abril metidos na casa. Si, xa o sei, que son só quince días máis. Xa falaremos despois de Semana Santa, desexarei darvos a razón ós máis optimistas. Eu teño unha vantaxe, son monologuista, está xustificado que fale só. Podería ser o ensaio do meu próximo espectáculo. Pero vós, a ver como vos xustificades diante da veciña cando vos colla tendendo unha lavadora cagándovos en ningún Dios.

"Pregúntannos que faremos cando o confinamento acabe, prevén unha orxía mastodóntica."

Dos optimistas, tamén me fan graza os que fan plans de futuro. Futuro inmediato. Pregúntannos que faremos cando o confinamento acabe, prevén unha orxía mastodóntica. Sexo, drogas e rock and roll. A ver, non vou negar as miñas ganas de coller unha boa vinagrera cos amigos. Desas de día, de vermú longo, das que cunden... Pero de aí a rachar con todo. Teñan en conta tamén os optimistas que non van abrir como lles abren ós touros no San Fermín, máis ben será como o pingar dunha billa mal pechada. Sairemos ós poucos, e ese vermú que tanto ansío eu, igual ten que ser na azotea dun colega xeneroso, máis que na terraza dunha moderna bodega barcelonesa. Sufro por iso, porque teño entradas para a xira de despedida de Extremoduro e vanme goder...

"Teñan en conta tamén os optimistas que non van abrir como lles abren ós touros no San Fermín, máis ben será como o pingar dunha billa mal pechada."

Ás veces dáme ansiedade todo isto. E papo. Patacas fritidas, olivas, cacahuetes garapiñados, chocolate... Quen fora fumador. Si, porque unha cousa é descartar aprobar a ‘Operación Bikini’ e outra saír do confinamento coa papada de dous Lendoiros. Así que a partir de agora, nada de picar entre horas. Xa lle botei o ollo a algo que me vai calmar o nervio: un puzzle. Son cinco mil pezas. Desexádeme sorte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 GalegON

Mellor puzzles que romperse a cabeza, fas ben.

1 Antonio Ángel Vilela Amil

Sorte co rompecabezas. Mellor eso que a fumeta. Imos ser positivos. Que malo será.