A educación en liña da Xunta: entre a fenda dixital da cidade e do campo e as dúbidas de nais e profesores

A Confederación de Ampas Galegas esíxelle á Consellería "instrucións claras e específicas para o alumnado" e a Nova Escola Galega pon o foco na fenda dixital e na fenda social que se abren neste sistema educativo implantado en tempos de coronavirus. A Xunta, pola súa banda, asegura que segue a "traballar para ofrecer solucións ás múltiples casuísticas" que xorden desta situación.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Diante dunha situación excepcional coma esta, a cativada viuse obrigada a deixar de acudir á escola dun día para outro e o profesorado viuse avocado a reformular de principio a fin o sistema educativo. Agora, co alumnado confinado nas súas casas, o curso académico continúa por vía telemática, aínda que con moitas dúbidas e limitacións por parte do profesorado, das familias e do propio alumnado no referido á voluntariedade das tarefas, a avaliación do trimestre, a ausencia de apoio para a rapazada con necesidades especiais, a futura reincorporación aos centros escolares... e un feixe de cuestións máis que tamén quedan no aire.

Un neno e unha nena estudan dende a casa.
Un neno e unha nena estudan dende a casa.

Dende a Confederación de Ampas Galegas veñen de remitir un informe no que instan a Consellería de Educación a ditar "instrucións específicas e claras" para o profesorado de cara a resolver as "constantes dúbidas" que xorden no seo das familias, as encargadas directas da docencia nestes momentos. Tamén dende o Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega cuestionan as medidas tomadas polo de agora por parte da Xunta de Galicia e propoñen unha revisión do modelo. Pola súa banda, a Consellería de Educación asegura "estar traballando en colaboración cos equipos directivos dos centros para tratar de ofrecer solución ás múltiples casuísticas que se están a producir segundo as etapas educativas".

O TRABALLO EN LIÑA

Nova Escola Galega critica que "non existen liñas de actuación" claras propostas pola Administración, que deixa en mans das direccións dos centros, e estas, á súa vez, do profesorado, os criterios polos que guiarse. O resultado é, din, unha mestura de situacións "variopintas" que van dende "non facer propostas de traballo" ata "facer tantas en cantidade, diversidade e dificultade que xeran ansiedade no alumnado e na familia". Tamén as familias coinciden en denunciar "a irregularidade" da carga de traballo.

Ademais, as Anpas lembran que "non está permitido" avanzar nos contidos que non se deran na aula presencialmente e esixe á Consellería que informe da voluntariedade que deben ter estas tarefas en liña. En relación a isto, Nova Escola Galega deixa claro que as indicacións e documentos enviados son "propostas e non deberes", xa que "o primeiro que temos que coidar é das persoas". E dende Educación responden que as actividades son "non avaliables", a pesar de que as Anpas denuncian que hai profesorado que "pretende realizar exames en liña".

A atención á diversidade é outro dos puntos críticos. Os traballos que se están enviando, agás algunhas excepcións, son iguais para todo o alumnado, de maneira que non se teñen en conta os distintos ritmos de traballo, intereses e necesidades dos rapaces e das rapazas. Dende as Anpas tamén preguntan polo traballo do profesorado de educación física e de materias artísticas, que xustamente nestes momentos poden resultar de gran valor; e polo labor do persoal de orientación e apoio, que semella ausente. 

A fenda dixital e a fenda social son razóns de peso que tanto as familias como Nova Escola Galega poñen sobre a mesa para avalar as súas propostas de educación. Segundo as Anpas, a experiencia deste tempo pon de manifesto as "claras zonas de sombra dixital", sobre todo no rural. Tamén é necesario ter en conta "a diversidade en canto a tamaño e calidade das vivendas, a posibilidade de axuda e acompañamento no académico, o clima emocional da familia..." como posibles condicionamentos, indica NEG.

NOTAS DA SEGUNDA AVALIACIÓN: "PARA QUE?"

A preocupación de boa parte do profesorado e mais das familias tamén vén xerada pola avaliación deste segundo trimestre escolar, que quedou interrompido pola pandemia. Xorden moitos interrogantes de peso que culminan nun só: "Para que?". Dende a Nova Escola Galega apostan por "suprimir a avaliación na educación primaria e no primeiro ciclo da ESO, sen que iso signifique un abandono da programación académica". Pola súa banda, as familias rexeitan "a conveniencia de poñer unhas notas que non son significativas, non están baseadas no traballo previo dun xeito uniforme, non representan a consideración da totalidade do esforzo realizado e ademais van provocar o desconcerto entre o alumnado e as súas familias, ao non poder ser explicadas, contrastadas e debatidas”.

A este respecto, a Consellería de Educación remítese ao acordado na reunión da Conferencia Sectorial de Educación onde, asegura, "houbo un consenso xeneralizado entre o Ministerio e as CCAA, incluída Galicia, en manter o calendario escolar" e onde tamén se acordou "avaliar o segundo trimestre co traballo desenvolvido ata a interrupción das clases presenciais". Con todo, non dá resposta sobre se ten en conta esta formulación indicada por familias e profesorado. Neste sentido, cómpre sinalar que as direccións de varios centros educativos, como o IES Antonio Fraguas de Santiago, néganse a cualificar o alumnado a pesar do mandato de Educación.

O FIN DE CURSO, NO AIRE

As Anpas traballan sobre a posibilidade de que o alumnado non poida incorporarse ao curso escolar presencial ata ben entrado o terceiro trimestre ou estea practicamente rematado. Por unha banda, rexeitan "totalmente a ampliación temporal do curso" pola "fonda carga psicolóxica" que pode implicar no alumnado. Rexeitan tamén a posibilidade dunha terceira avaliación: "Este curso debe ser avaliado de acordo coa realidade que se está a vivir, o contrario implicaría un enorme sobreesforzo para o alumnado e para todos aqueles que están sufrindo as consecuencias sociais, económicas ou familiares desta pandemia”.

Sobre a incorporación do alumnado, a Consellería de Educación indica que, polo de agora, non poden avanzar nada ao respecto xa que iso vai depender das directrices que marquen as autoridades sanitarias, así como o Ministerio de Educación no marco xeral do conxunto do Estado. As Anpas esíxenlle un "protocolo de regreso á normalidade atendendo á realidade específica do noso País, e non seguindo exclusivamente as directrices marcadas polo goberno central".

Por parte de Nova Escola Galega consideran que "a entrada nas clases debe ser un reinicio de acollemento e de convivencia, para falar, expresar emocións e interrogantes". Deste xeito, "non serán as programacións ordinarias as que deban ocupar a atención, senón a experiencia vivida no confinamento". Instan a prepararse, xa que logo, para o futuro próximo. "Agora seremos máis conscientes do valor dunha educación pública, aberta, territorio compartido por todas as infancias e adolescencias en formación como espazos de vida e aprendizaxe".

SOBRE O CURSO 2020-2021

As Ampas tamén miran máis alá deste curso medio truncado. Así pois, indican que o próximo ano escolar debe ser entendido como "un curso ponte" que haberá que artellar de tal xeito que o alumnado poida superalo sen quedar ninguén polo camiño. Xa que logo, esixen da Consellería de Educación que comece a traballar na elaboración dun currículo especial para o próximo curso. Dende a Xunta non falan do próximo ano, mais indican que "o calendario escolar se mantén xa que as clases continúan en modo non presencial" e que "este mes está previsto abordar a reestruturación de contidos do terceiro trimestre".

Doutra banda, as familias tampouco se esquecen do caso do alumnado de segundo de Bacharelato. “Temos que falar de algo máis que de prazos e de exames. Hai que garantir a igualdade de acceso á universidade, moi limitada polo diferente acompañamento que se está a facer entre centros públicos e privados”, indican no escrito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 pailáns....

Galicia e España facendo o ridículo en novas tecnoloxías.... véndennos que estamos moi avanzados e non podemos coordinar un teletraballo digno. Moitas empresas poderían estar funcionando, sobre todo autónomos se de verdade estiveran preparados para as vendas on line e poder manter un canáis de venda do século XXI, pero claro isto é Galicia e España, mentira tras mentira....